Interceptado un condutor que se dera á fuga en Culleredo após bater contra tres coches

Os vehículos sinistrados. (Foto: Policía Local de Culleredo)
O home admitiu o contratempo, alegando que quedara durmido e que se ausentara do lugar por motivos persoais, conducindo o coche até o seu garaxe no centro da Coruña.

A Policía Local de Culleredo (comarca da Coruña) logrou dar co condutor que supostamente se deu á fuga após bater contra tres vehículos estacionados no Portádego, xerando importantes danos. Os feitos sucederon na madrugada do pasado sábado, día 23, contra as 5.20 horas da mañá na avenida Miguel González Garcés.

Un veciño da zona alertou á Policía Local do accidente, avisando de que o vehículo causante abandonara o lugar en dirección á Coruña. A testemuña achegou tamén fotos e vídeo, pero non dispuña da claridade suficiente para observar a matrícula.

O que se vía era que no propio turismo no que circulaba saltara o airbag do pasaxeiro e que presentaba importantes danos na súa parte dianteira dereita. Na calzada, os axentes seguiron o rastro de aceite do vehículo, pero xa se perdía á altura do límite municipal coa Coruña. As patrullas varreron a zona sen dar co coche.

Tamén deron aviso á Policía Local da cidade para que tivese coñecemento dos feitos e puidese informar no caso de observar un turismo con estas características. A investigación continuou coas cámaras de tráfico da avenida de Vilaboa e co rastrexo de placas de matrícula, tamén en colaboración da Garda Civil, polos datos que achegaba a testemuña.

No punto do choque, os axentes recolleron restos do coche do responsábel. Localizáronse partes da carrozaría, das que se desprendía que se trataba da marca Kia, e un foco antinéboa. Con estes datos, a Policía cullerdense contactou con servizos de guindastres e talleres de concesionarios da zona, dando como posibilidade que o coche estivese nun deles. Alí acudiron os axentes, comprobando que os danos do devandito coche coincidían co buscado, así como que o faro antinéboa dianteiro esquerdo era o mesmo que o dereito que lle caera no golpe.

Con estas probas xa se contactou co propietario do devandito coche, que voluntariamente acudiu a prestar declaración. Admitiu o contratempo, alegando que quedara durmido e que se ausentara do lugar por motivos persoais, conducindo o coche até o seu garaxe no centro da cidade.

A Policía Local procedeu a identificalo. Trátase dun home adulto, veciño da Coruña. Tamén se plasmou o percorrido que seguiu até o seu garaxe por se puidese producirse algún dano máis, dado o estado do seu coche. Os danos causados no Portádego foron a tres vehículos: un turismo, con danos leves; un furgón, con danos de consideración, e un monovolume, con danos graves.