"Intentamos levar un anaquiño do Atlántico ás casas das nosas clientas e clientes"

Pilar Fernández e Benjamín Seoane, traballadores do Pub Atlántico, coa caixa “express”. (Foto: Cedida)
Pilar Fernández di que a capacidade de adaptación é moi importante para seguir adiante co negocio. Por iso, xurdiu esta idea para estar preto do Pub Atlántico malia a pandemia.

Pilar Fernández, copropietaria do Pub Atlántico, sempre destacou por ser unha muller con iniciativa e visión de futuro. Ante a situación de pandemia que vivimos, Pilar está a demostrar unha gran capacidade de adaptación. A finais do verán participou, xunto con outros bares da cidade, no proxecto “Tardeo” e agora acaba de sacar o “Atlántico Express”: cócteles a domicilio para desfrutar do Atlántico desde a casa. Pilar ten claro o importante que é reinventarse nestes tempos.

Avante Pouca

Primeiro o confinamento, despois un verán moi complicado, agora máis restricións... Como está levando toda esta situación o pub Atlántico?
A situación é moi complicada, hai moita incerteza e cambios continuos, o cal, para calquera negocio, é unha loucura. Semella que son todo problemas: hai moita xente que depende de nós, temos que reorganizar os horarios... estamos continuamente adaptándonos ao novo e resulta moi complicado. Para superar tempos tan duros como este precísase, sen dúbida, unha gran capacidade de adaptación para poder seguir adiante, tamén porque son as propias circunstancias as que nos obrigan a adaptarnos rapidamente.

No final do verán e até o comezos de outubro, o pub participou no “Tardeo” e agora comeza co “Atlántico Express”, como están funcionando este tipo de iniciativas?
A verdade é que a resposta está a ser moi positiva, estamos moi contentos. O  Atlántico é un pub que adoitaba abrir á tardiña, sobre as 19 horas, pero coa nova situación, o proxecto do “Tardeo” adiantaba o horario ás 16 horas, e para a nosa sorpresa a xente entendeuno moi ben e sempre tivemos clientes tomando algo xa despois de comer. Co tema do “Atlántico Express”, aínda tivemos a primeira experiencia esta mesma fin de semana e estamos encantados coa acollida e moi emocionados pola cantidade de felicitacións e de palabras de cariño que recibimos da clientela, que nos comentaba que tiveramos unha moi boa idea.

Avante Media 

En que consiste o “Atlántico Express”?
É un servizo mediante o que intentamos levar un pouquiño do Atlántico ás casas dos nosos clientes e clientas. Desta maneira, enviamos nunha caixiña todo o necesario para elaborar un cóctel, mesmo cos adornos e os xeos, e unha pequena etiqueta con instrucións nas que se explica o que se debe facer para rematar a bebida. Ademais tamén engadimos un “plus”: unha lista de reprodución coa música do Atlántico. Cómpre engadir que toda a embalaxe que empregamos intentamos que sexa sempre ou ben reutilizábel ou ben biodegrábel, como as pallas, que son de cartón. Penso que este proxecto vai durar no tempo, mesmo cando a situación sexa mellor. Na miña opinión, a pandemia provocou que se acelerasen algunhas tendencias que xa estaban aí. As circunstancias que nos levaron a sacar adiante iniciativas como a do “Tardeo” ou a do “Atlántico Express” demostraron que agora a xente cada vez sae máis de día e que existe unha maior demanda de comida e bebida a domicilio. Por iso penso que si pode ser algo que perdure.

Avante Toda

Vendo o éxito destas iniciativas, ten algunha idea máis para o futuro?  
Cando comezou todo isto, eu prometinme non facer plans cun prazo superior aos 15 días, e xa me parece moito. Pero si, algunha idea na cabeza si teño, e mesmo para o “Atlántico Express”: queremos ampliar o servizo, pesamos en facer catas online, pois era unha actividade que xa faciamos no propio local antes desta situación. A proposta sería crear paquetiños de cata para enviarlle á xente que queira participar e reunirnos todos e todas a través da plataforma Zoom. Desta maneira imos catando á vez que eu vou contando, a modo de taller, a historia de cada bebida.

Como vai celebrar a fin da pandemia e a volta á normalidade?
Pois vai ser unha alegría e unha festa para todo o mundo. Penso que non chegaría o espazo do Atlántico para celebrar tan boa nova, ou ocupamos toda a praza de San Martiño Pinario ou buscaría un local de celebracións, pero penso que a volta á normalidade vai ser incríbel.