Intensifícase a loita nos concellos afectados polo transvasamento do río Verdugo

Foto de Raul Morli

Tanto o alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz (PSOE), coma o de Soutomaior, Agustín Reguera (PP), celebraron a pasada semana a primeira reunión entre rexedores para buscar una solución ao plan promovido por Augas de Galicia para o transvasamento do río Verdugo. Ambos concellos coinciden no desastre ecolóxico que suporá, e sinalan a obra como absolutamente innecesaria, aínda máis trala superación da seca que fixo saltar as alarmas na provincia de Pontevedra este final de ano.

 

Fóra de partidismos ou bandos políticos, os municipios afectados directamente polo transvase comparten o seu total rexeitamento ante un proxecto, coma pouco, difícil de entender. Xa non pola dificultade que resultaría da súa realización, xa que a veciñanza da zona ve zonas de complicado acceso para a maquinaria; se non tamén polo feito de que o transvasamento non sería unha solución definitiva ante un novo período de seca similar ao xa sufrido. Un parche de varios millóns de euros que a Xunta xa aprobou, e que dende de Vigo quere dárselle o visto bo.

 

Na reunión celebrada destacouse a coincidencia nos argumentos xurídicos, así coma o acordo de compartir información para enfocar unha resposta administrativa conxunta contra as medidas adoptadas por Auga de Galicia a hora de declarar o proxecto como unha obra de emerxencia o feito de retirar máis de 300 litros por segundo do río Verdugo, o que supón máis dun terzo do seu caudal. “Non existe razón algunha que ampare esta declaración de emerxencia, e, por este motivo, Ponte Caldelas xa solicitou a súa revogación mentres que Soutomaior reclamou toda a información existente sobre o plan, e está estudando posibles actuacións”, sinalan dende os concellos.

 

Polo pronto, o Consello da Xunta dispón de dous meses para convalidar a declaración de emerxencia e declarar a obra como de utilidade para a comunidade autónoma, e iniciar así o expediente. Nese momento será cando os concellos de Ponte Caldelas e Soutomaior acudan aos tribunas do Contencioso. Nos comunicados esgrimidos por ambos gobernos dende a declaración de intencións de Augas de Galiza sinálanse a falta de peticións de informes aos propios concellos, así coma a total carencia de estudios de impacto ambiental. A veciñanza de Soutomaior non dubida nin un segundo en que se o caudal do río é reducido dunha maneira tan drástica, o marisqueo da ría porase directamente en perigo.

 

As obras proxectadas abarcarían sete quilómetros de territorio de ambos municipios. En ámbolos dous xa se avisa da intención de participar en cantas reunión e mobilizacións sexan necesarias para garantir o futuro de cada lugar, e expresar o total rexeitamento a unha obra cuestionable, e que podería traer graves incidencias ecolóxicas e ata laborais.

 

O pasado 15 de decembro, Soutomaior aprobaba por unanimidade denunciar á Xunta as consecuencias que prevén polo transvase ata a presa de Eiras. A moción foi presentada polo BNG local que “dende ao río Verdugo e aos bancos marisqueiros”. A moción rexistrada define o proxecto do ente autonómico coma “unha desfeita” para o ecosistema, “un ataque inadmisible aos bancos marisqueiros”, dos que dependen máis de 200 familias na zona; e unha “agresión” que partiría o barrio da Aranza pola metade.

 

“O BNG agora só espera que a moción aprobada non quede nunha simple declaración de intencións”, explica Manu Lorenzo, portavoz do partido nacionalista en Soutomaior. “Estamos certamente acostumados a que na alcaldía se diga unha cousa e se faga outra”. Lorenzo insiste na “tolería” que supón todo o proxecto, e aposta por un modelo alternativo, pasado por alto pola Xunta e polo Concello de Vigo, como sería un plan ecolóxico, de xestión das cuncas, sostible e que puxera sobre a mesa a racionalización da auga; antes que sacarlle un terzo do seu caudal ao Verdugo.

 

“Se o plan seguida adiante tomaríamos medidas xudiciais. Hai antecedentes legais que aporían un xuízo favorable ao impedimento da obra. A declaración de emerxencia inclúe termos coma catástrofe. Non é a definición, dende logo, dunha seca como a que houbo”, explica o portavoz nacionalista. “¿Por que non se inverte na corrección das fugas de auga? ¿Por qué Pontevedra ten un nivel de perda da auga do 3% e Vigo do 30%? Porque no primeiro caso houbo unha inversión continua e acometida dende o 2008”, sinala Lorenzo en referencia a unhas recentes declaracións realizadas polo vicepresidente da Deputación, César Mosquera (BNG), nas que mostrou a negativa do grupo nacionalista dentro do ente provincial a apoiar calquera tipo de transvasamento.