Intelectuais galegos diríxense a Pedro Sánchez para que rectifique a posición diplomática respecto a Venezuela

Concentración solidaria con Venezuela en Vigo

Intelectuais galegos de todos os ámbitos asinaron un comunicado no que solicitan ao presidente español que mude a posición diplomática do goberno con respecto ao golpe de Estado en Venezuela, a cal cualifican de "inxerencista". Entre as persoas asinantes están a catedrática da USC e cineasta Margarita Ledo, os escritores Méndez Ferrín e Anxo Angueira ou o dirixente de Anova Xosé Manuel Beiras.

Na misiva, acusan o presidente español de "avalar a consagración dun golpe de Estado", cando o pasado sábado 26 de xaneiro, nunha comparecencia pública, deu un ultimato ao Goberno da República Bolivariana de Venezuela. Acto que atenta gravemente din, "contra as relacións históricas de irmandade" da nación galega con América Latina.

 

Así mesmo, tildan de "inadmisíbel" o desenvolvemento dunha diplomacia "baseada nas presións e ameazas" e afirman que calquera intervención estranxeira dese tipo, contribuiría a "crear un estado inusitado de violencia en Venezuela", cuxos resultados posteriores "son impredecíbeis".

 

Lembran igualmente o recoñecemento do ex presidente Aznar do golpista venezolano Pedro Carmona, quen durou no goberno bolivariano apenas 47 horas tras o golpe de Estado de 2002, e laméntanse de que non comparta a posición de Zapatero, quen como Presidente de España, "mantivo excelentes relacións co goberno do Presidente Chávez".

 

Conclúen en que non hai "viso algún de legalidade na autoproclamación do Señor Guaidó" e que o seu recoñecemento por parte do goberno de España, "avalaría o desenvolvemento dun golpe de estado contra a soberanía de Venezuela".

 

Entre as persoas asinantes, entre outras, están Margarita Ledo, Xosé L. Méndez Ferrín, Anxo Angueira, Xosé M. Beiras, a actriz Mónica Camaño, Xesús Alonso Montero, Cipriano L. Jiménez Casas, o xornalista Gustavo Luca, Manuel Fordadela,  Carlos Núñez ou o arquitecto Cesar Portela.