Insultos, ameazas e esvásticas: así ataca a extrema dereita os murais do soberanismo en Galiza

Mural de Galiza Nova dedicado a Rosalía en Pontevedra foi albo dos ataques

A Coruña, Ferrol, Vilaboa, Vigo, Ourense ou Pontevedra. Nas últimas semanas murais de organizacións soberanistas apareceron luxados, riscados ou tapados ao tempo que se lles superpoñían todo tipo de insultos e simboloxía fascista. “Non nos van amedrentar”, advirten desde as organizacións afectadas. 

A pasada segunda feira o BNG da Coruña denunciaba o acto vandálico contra o mural que decoraba a fachada da súa sede na zona vella. Uns descoñecidos pintaron de negro, “danado de xeito definitivo e irreparábel”, a obra feita por Felipe Senén. Non foi unha simple trasnada, indican os nacionalistas da Coruña, que destacan a planificación e preparación dun acto así. Non é o único ataque que tivo lugar nestas semanas en Galiza contra murais de organizacións soberanistas.

A comezos do pasado mes de xullo  luxaban con mensaxes en defensa da unidade española un mural dedicado a Rosalía de Castro en Pontevedra. Onde figuraban os versos de Rosalía de Castro “Pobre Galiza, non debes chamarte nunca española” pintouse por riba“Pobre Galicia, que hoy niegan que siempre fuiste española”. Sobre a lenda de Galiza Nova, riscouse a palabra Galiza para escribir ‘Dictadura’ e, a maiores, engadiuse no mural unha mensaxe en castelán: “Los mayores opresores siempre se han creido los mayores libertadores”.  Desde entón, este tipo de ataques reproducíronse en diversas localidades. Por exemplo en Bueu, onde un mural do MGS defendendo a independencia de Galiza foi atacado: riscada a bandeira da patria e a palabra independencia para pintar por riba unha bandeira española e a lenda “Bastardos”. En Ourense o albo foi un mural feminista, tamén do Movemento Galego ao Socialismo. Alén de tachar o lema, pintaron unha cruz céltica [empregada polos defensores da supremacía da raza branca] acompañada das siglas SS (organización paramilitar nazi).

 

Tamén en Ourense e tamén do MGS foi luxado un mural no que se defendía “aborto, libre e gratuíto’. Os atacantes taparon ese lema para pintar por riba “Si a la vida, no mates a tu hijo” ao tempo que comparaban o aborto cun “asasinato”.

 

En Vilaboa foi boicoteado un mural de Galiza Nova na defensa do colectivo LGTBI. Riscaron os lemas a favor da diversidade sexual e pintaron unha esvástica, nun ataque homófobo, comportamento habitual –a homofobia- nas ringleiras da extrema dereita. Tamén en Vigo tiveron lugar este tipo de accións. Un Mural de GN no barrio de Teis dedicado a Castelao sufriu as pintadas de “Puto nacionalismo” e bandeiras españolas, para alén de riscar onde poñía ‘Día da Patria’ para superpoñerlle ‘Santiago Apóstol’.

 

Pontevedra é unha das cidades onde máis ataques se produciron. Ao citado anteriormente hai que engadir a esvástica e a frase “lucha contra e separatismo” que luxaron un mural de Galiza Nova chamando a mocidade galega a se rebelar e organizar.

En Ferrol o albo do vandalismo foi o mural de Artábria adicado ás Irmandades da Fala. Foi atacado na mesma noite en que se dera a coñecer a moción de Artábria levada a pleno polo BNG para pedir que Praza de España recuperase o nome de Porta Nova. Para Artábria non hai marxe de dúbida: “Resposta do fascismo a proposta de recuperar legítimo nome de Porta Nova: boicotam esta noite mural dedicado as Irmandades da Fala”, escribiu na súa conta de twitter canda a imaxe do mural atacado

 

As diferentes organizacións responsábeis dos murais atacados deixaron claro, ao denunciar os feitos nas redes sociais, que estas accións non ía conseguir amedrentalos ou meterlles medo. Apelaban ao "Non pasarán" - palabra de orde do antifascismo- para incidir na súa vontade de restaurar os murais atacados.