Este sábado 7X

A Pobra do Brollón festexa a revolta popular medieval contra os impostos

Feira medieval Guímara da Pobra do Brollón

Seis séculos despois, a vila conmemora este exemplo de resistencia veciñal contra os tributos e as tropas do Conde de Lemos

O concello da Pobra do Brollón rememora o seu pasado medieval este sábado 7 de xullo na V edición da Feira Medieval Guímara. O evento, que recreará a famosa revolta veciñal contra o Conde de Lemos no século XV, debe o seu nome ao alcume que gañara a veciñanza após o feito: rudos, valentes e desconfiados.

 

“A Pobra do Brollón era unha vila de realengo e só lle rendía contas ao propio monarca mais ao ser unha porta de entrada á Ribeira Sacra o conde de Lemos sempre tivo a teima de querer sometela”, explica o conselleiro de Cultura, Ricardo Rodicio. O aristócrata acabou por conseguilo ao enviar as súas tropas, que lograron vencer a vila após a forte resistencia que opuxo a veciñanza. “Logo da derrota, a veciñanza fixo unha asemblea debaixo dun piñeiro que hoxe aparece no escudo, é unha tradición que mantiveron durante moito tempo. Alí decidiron que, aínda que terían que dar os tributos, non sería en man, senón que os impostos serían entregados por debaixo da porta”, engade Rodicio.

 

Oficios, xantar popular e música

 

O día da cita, que se prevé claro e caloroso, abrirá coas palabras do escritor Lois Diéguez. O autor monfortino será o encargado de pronunciar o pregón da festa ás 11:30 da mañá, media hora antes da representación da revolta medieval, na que participa a veciñanza da propia vila. "É unha festa que se fai no campo da feira, á beira do río Rubín e na que participa todo o pobo, non unha festa masificada celebrada nas rúas", apunta o conselleiro. Logo disto chegará a exhibición de cetraría e da demostración de oficios tradicionais. Nesta quinta edición, a mostra estará centrada no ferro, industria moi vencellada á Pobra do Brollón por causa das minas de ferro do territorio. Porén, tamén haberá torneiros, zoqueiros, traballadores de coiro e demais oficios que farán as delicias do público.

 

O ambiente caldeará por volta as 13 horas, co grupo de gaitas Alecrín en pasarrúas pola vila. Será o aperitivo musical previo ao xantar popular, que terá lugar ás 14 horas no propio campo da feira. As persoas que queiran participar poden retirar as tarxetas no restaurante Avenida. O prezo será de 20 euros e o menú incluirá churrasco de porco e tenreira, chourizo, pan, viño, sobremesa e café.

 

Pasado o ecuador da xornada e a hora da sesta, o paiaso Isla Letrisca animará a tarde cos seus malabares a partires das 17:30 horas. As demostracións de oficios e xogos tradicionais seguirán ás 18.30 horas, pouco antes da actividade de tiro con arco e da nova sesión de cetraría, programada para as 20 horas. Por último, ás 21 horas o grupo Euforium fará acto de presenza para encher de música o serán, que pechará a festa ás 23 horas cunha queimada popular a cargo de Queimán e Pousa.