“Para estas instrucións non era necesaria a espera”, di a CIG-Enino sobre as orientacións da Xunta

O secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, nunha reunión por videoconferencia.
A CIG-Ensino critica que a Xunta da Galiza se está a escudar no retraso da Administración do Estado Español para non dar instrucións claras ao profesorado galego sobre o terceiro trimestre. As Administracións estatal e galega “están chegando tarde e de forma descoordinada”, sinalan no sindicato.

“Para estas instrucións non era necesaria a espera”, sinala a CIG-Ensino en relación ás instrucións que a Consellaría de Educación colgou no seu portal web na sexta feira, 17 de abril, tituladas como “orientacións provisionais para o desenvolvemento do terceiro trimestre 2019-2020, á espera da publicación da normativa estatal”. O sindicato nacionalista critica que “veñen precedidas dunha introdución que parece máis propia dun gabinete de prensa partidario que dun documento comunicativo dirixido ao conxunto do profesorado”.

Valoran na CIG que o texto da Xunta pretende máis ben “dar resposta a outra Administración que unhas instrucións”, que “é realmente o que estaba a esperar o profesorado”, resaltan.

Nun comunicado público emitido pola central sindical, sinalan que “corresponde ao Goberno galego dar unhas instrucións claras para a comunidade educativa” e valoran que “para iso non precisa a nosa conselleira unha orde da ministra para saber o que ten que facer, especialmente cando xa ficou claro que papel se reserva o Ministerio despois da reunión do día 15”. 

Na CIG-Ensino consideran que a Xunta da Galiza se está a escudar no retraso da Administración do Estado Español para non dar instrucións claras ao profesorado galego, e subliñan que gran parte do contido presente nas indicacións que a Consellaría publicou na sexta feira, nomeadamente no referido ao apoio aos centros educativos, “podía terse ditado o pasado 13 de marzo”.

No sindicato valoran que ambas as Administracións, a estatal e a galega, “están chegando tarde e de forma descordinada, mais non é menos certo que as instrucións á comunidade educativa galega teñen que partir da Consellaría e non as están dando en tempo e forma”.

Mentres se agarda pola publicación no BOE da orde marco ministerial no que se fixe un marco flexíbel sobre a promoción e a titulación que despois deberá desenvolver o Goberno galego para que sexan os equipos docentes quen os adapten e apliquen, o profesorado galego está a traballar, resalta a CIG, “suplindo o baleiro de normas e indicacións como mellor pode e entende, atopándose agora cunhas instrucións nas que ten un papel destacado a burocracia, o menos necesario neste momento”, critican.

No texto da Consellaría incídese en depositar unha serie de responsabilidades nos centros educativos “cando en boa medida hai unha ausencia de iniciativas no mesmo sentido por parte Xunta como máxima responsábel”, sinala a CIG no seu comunicado, criticando que as instrucións da Consellaría indiquen que os centros teñen que facer “un especial esforzo para identificar o alumnado que carece de medios de conexión dixital e, en virtude da súa autonomía organizativa e de xestión, arbitrar as medidas necesarias e facilitar o uso de distintos tipos de dispositivos adecuados para a atención educativa a este alumnado”. 

A maioría dos centros educativos xa está “facendo ese labor”, sinalan desde a central sindical, lamentando que non haxa un “maior e especial esforzo” por parte do Goberno galego por adoptar medidas “que realmente poñan a disposición do alumnado todos ou boa parte dos materiais, dispositivos ou recursos que precisan para a reconexión co seu profesorado e compañeiras e compañeiros”.

Nese sentido, preguntan ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, a través do seu comunicado, se o mandatario “pensa que con tres ordenadores por centro se soluciona o problema”.

Tres ordenadores que, matizan, “foron repartidos sen máis criterio que levar o mesmo número deles aos centros de secundaria independentemente do número de alumnas e alumnos que teña o centro. Tres ordenadores, con ou sen conexión ás redes, xa que nin cobertura temos en moitos lugares do noso país, non cobren a responsabilidade do Goberno galego de tentar paliar a fenda dixital do noso alumnado”.

O sindicato nacionalista critica tamén que o comunicado da Xunta inste aos centros a desenvolver formación e ferramentas “adecuadas para permitir que o alumnado obteña o maior proveito da metodoloxía non presencial”.

Ante esa enunciación, a CIG responde que esa función “corresponde á Administración educativa a non ser que lle pareza que o profesorado non estea xa o suficientemente sobrecargado de traballo”.

Precisamente, e matinando na sobrecarga, a CIG tamén denuncia que a Xunta se estea a negar a substituír as baixas. “Hai casos nos que profesorado de ciclos formativos de FP ou de Bacharelato ten que facerse cargo dun ou mais dun cursos a maiores dos que ten. Aí é onde o profesorado bota de menos un especial esforzo da Xunta”, din.

Desde a CIG-Ensino volven instar á Consellaría a “esquecer loitas políticas, cálculos electoralistas” e ínstana a convocar á representación do profesorado para falar do final deste curso e desconvocar as oposicións docentes.