Os institutos e centros de FP de Pontevedra e dous da Coruña non voltarán ás aulas o día 16

Instituto Valle Inclán de Pontevedra (Imaxe: Nós Diario).

As direccións dos Institutos de Ensino Secundario (IES) e dos centros de Formación Profesional (FP) de Pontevedra e dous da Coruña súmanse ao escrito dos directores dos IES de Compostela para lle comunicaren á Consellaría de Educación que non comezarán as clases o 16 de setembro.

Na tarde da cuarta feira facíase pública a carta enviada polos directores dos sete institutos de ensino secundario de Compostela ao inspector xefe de Educación da Coruña na que advertían da imposibilidade de comezar as aulas o 16 de setembro, día de inicio do curso escolar para Secundaria, Bacharelato e Formación Profesional -xornada que tamén coincide coa folga convocada no sector pola CIG, CCOO, CSIF e STEG-. Os motivos: a falta de resposta da Consellaría de Educación aos problemas que teñen estes centros á hora de adaptárense ao protocolo de volta ás aulas.

"É imposíbel organizar os horarios do profesorado, asignar os espazos ao alumnado e, en consecuencia, abrir os centros o día 16 de setembro", afirmaban na misiva, que onte referendaron máis equipos directivos.

Pontevedra súmase a Compostela

Os doce centros de ensino secundario e de Formación Profesional de Pontevedra, CIFP Carlos Oroza, EPAPU Río Lérez, IES Frei Martín Sarmiento, IES Luís Seoane, IES Montecelo, IES Monte da VIla, IES Sánchez Cantón, IES Torrente Ballester, IES Valle Inclán e IES Xunqueira I, Xunqueira II, enviáronlle no día de hoxe o mesmo escrito ao inspector xefe territorial de Pontevedra. Tamén se sumaron institutos doutras partes da Galiza, como o caso do IES Rodeira de Cangas, o de Ponte Caldelas, o de Poio, o de Sanxenxo e o de Meaño.

Segundo puido saber Nós Diario, os directores e directoras dos institutos de Lugo tamén prevén enviar nas próximas horas unha carta á xefatura territorial para comunicar que necesitan "un mínimo de sete días lectivos" para poder organizar os centros. No caso da Coruña, as direccións atópanse en conversas para decidir se se unen para reclamarlle á Xunta da Galiza medidas. Xa enviaron a súa misiva, de maneira conxunta, o director e a directora do IES Salvador de Madariaga e do IES Eusebio da Guarda.

No escrito enviado inicialmente polas direccións dos IES composteláns explicábase que "se as vacantes e modificacións de horarios son publicadas e autorizadas o día 11, o comezo do curso non podería ser antes dos días 23, 24 e 25 de setembro. Cada día de atraso implicaría adiar un día o inicio do curso".