O Instituto Xeolóxico e Mineiro premia unha campaña sobre as presas de residuos de San Finx

Minas de San Finx, Lousame (Vida e Ría ou Minaría?).
O Instituto Xeolóxico e Mineiro recoñece unha campaña promovida por varios colectivos galegos para dar a coñecer a situación crítica das presas de residuos mineiros da explotación de San Finx co Premio Día Planeta Terra 2020.

O Instituto Xeolóxico e Mineiro (IGME), dependente do Ministerio de Ciencia e Innovación, recoñece co primeiro Premio Día Planeta Terra 2020 na categoría de interaccións en redes unha campaña que pretendía denunciar a situación crítica e de abandono dunhas instalacións de residuos de máis de 80 anos de actividade.

A candidatura foi a que maior número de interaccións recibiu nas redes sociais, recibindo apoios de todo o mundo. A candidatura premiada recollía unha detallada descrición da maior das presas de residuos mineiros, construída en 1939 pola mineira británica The San Finx Tin Mines Ltd.

Impacto ambiental

Esta presa de 12 metros de alto e 50 de ancho de coroación erixiuse seguindo un método de decantación de lodos, frecuente nas colonias británicas, que implicaba levantar diques cortando vales fluviais e do que quedan moi poucos exemplos en pé debido aos colapsos ou desmantelamentos.

De feito, a presa foi protagonista da chamada “Catástrofe de 1960” na que os lodos chegaron até a ría de Noia e sobre a que se filmou o documental “San Finx 1960” de Irene Pin.

Tanto esta presa como outra máis pequena constaron nos plans anuais de labores da mina ata que a empresa deixou de os presentar no ano 2000. Na actualidade están en situación de total abandono e a súa falla, segundo un informe de Augas da Galiza de 2017, produciría un importante impacto ambiental.

Dilixencias penais

Tentando fuxir das súas responsabilidades sobre as presas, a Dirección Xeral de Minas encabezada por Ángel Bernardo Tahoces e a concesionaria do Grupo Sacyr pretenderon facer pasar as presas de residuos por instalacións hidroeléctricas, o que derivou no inicio de dilixencias penais por presuntos delitos contra o ambiente, prevaricación ambiental e falsidade documental.

Os colectivos que promoveron a campaña galardoada -ContraMINAcción, Montescola, Verdegaia e Vida e Ría ou Minaría?- esperan que este premio “consiga dar visibilidade a esta situación insostible no tempo” e contribúa a forzar as Administracións “a deixar de mirar para o outro lado”.