Instan a vacinar os menores de 30 anos pola súa "enorme" carga viral

Vacinación no centro habilitado en Vigo (Foto: Europa Press).
O doutor Juan Gestal salienta a importancia de reforzar o sistema sanitario público para "estar mellor preparados" de cara a unha hipotética nova pandemia.

O doutor Juan Gestal, profesor de Medicina Preventiva e Saúde Pública da Universidade de Santiago de Compostela (USC), considera que agora débese "priorizar" a vacinación contra a Covid-19 das persoas menores de 30 anos dada a "enorme" carga viral que presentan, xa que non se tomaron "medidas drásticas" para controlar o 'macrosurto' asociado ás viaxes de fin de curso a Balears.

Nunha entrevista concecida este domingo a Radio Nacional de España (RNE), Gestal matizou que "non foi un erro" non ter priorizado a inmunización deste colectivo antes, mais si após unha explosión de casos que, segundo estimou, "durará practicamente todo o verán".

Neste senso, salientou que a xente nova tamén asume "moitos riscos" ao contaxiarse da Covid-19, entre eles a propia morte, máis aló de que poidan transmitir a doenza a outras persoas que non están vacinadas.

Aliás, lembrou que a vacina, a pesar de que está a funcionar ben, "non protexe a 100%".

O doutor tamén advertiu que "cada vez que se replica" un virus, este ten "máis opcións de mutar, de que aparezan máis variantes" e, polo tanto, de que algunha delas non responda aos anticorpos após ter pasado a enfermidade ou recibido a vacina.

Así mesmo, criticou as posturas que avogan por primar a economía sobre a sanidade, algo que xa se observou após o confinamento da primavera de 2020: "Botouse pola borda todo o logrado até aquel intre", dixo, e apostou polo modelo de "Covid cero" de países como Nova Zelandia ou Australia, xa que "tería permitido reactivar a economía antes e reducir a mortalidade".

"Debilidades" do sistema sanitario

Aproveitando a presentación do seu novo libro Pandemias. As epidemias que axexaron a humanidade, o epidemiólogo indicou que, se ben "ninguén" agardaba unha crise sanitaria como a actual, isto "pode acontecer" de novo no futuro.

"Temos que prepararnos, mellorar a vixilancia epidemiolóxica e a 'Cincenta' do sistema, que é a sanidade pública, para estar mellor preparados de cara ao desafío infeccioso que virá", destacou, ao tempo que incidiu en que a actual pandemia "puxo de manifesto que temos uns magníficos profesionais, pero desde a pasada crise económica descapitalizouse, moita tecnoloxía non se renovou e xubilouse anticipadamente moito persoal que agora nos facía falta".