Instan a pór fin de vez á "discriminación" que atinxe 2.200 docentes de FP na Galiza

Afectadas e sindicatos piden a integración no corpo de Secundaria.

"Pensabamos que por fin se ía poñer fin a unha discriminación que acumula xa 31 anos, mais parece que esa fin non dá chegado", manifesta a Nós Diario María Jesús Expósito, docente e unha das portavoces da plataforma que representa o profesorado técnico de Formación Profesional con titulación universitaria que leva anos loitando pola súa equiparación co persoal de Ensino Secundario. Son por volta de 2.200 os profesionais afectados na Galiza por esta "discriminación", máis de 25.000 en todo o Estado.

Hoxe, cuarta feira, docentes de todo o Estado protestarán ante o Ministerio de Educación para denunciar que "a lei que soluciona isto, a Lomloe, non se aplica"  a ministra Pilar Alegría "non ten na axenda unha reunión para tratar o tema con sindicatos e comunidades". 

Mentres, apunta Expósito, mantense a situación na que, "malia ter a mesma titulación e desenvolver o mesmo traballo", este profesorado está en peores condicións que os seus compañeiros do Ensino Secundario: "cobra menos, precisa 5 anos máis para xubilarse co 100% do seu salario e mesmo hai comunidades onde non podemos ser xefes de departamento".

Esta situación, que se arrastra desde a aprobación da Locse en 1990, parecía ter os días contados hai un ano, coa chegada da Lomloe,que na súa disposición adicional undécima recoñecía e emendaba a "inxustiza"

"A desigualdade entre grupos docentes é ben sinxela de entender", indican desde a Plataforma PTFP A1. "Para dar clases de informática como profesor de FP, Antonio tivo que estudar unha Enxeñería Técnica e pasar unhas oposicións, o mesmo que Pedro para ser profesor de informática en Secundaria. O problema é que Antonio pertence a unha categoría profesional inferior que Pedro, desenvolvendo o mesmo traballo e tendo ambos a mesma titulación universitaria". Esta situación, que se arrastra desde a aprobación da Locse en 1990, parecía ter os días contados hai un ano, coa chegada da Lomloe,que na súa disposición adicional undécima recoñecía e emendaba a "inxustiza". 

"Non se entende por que a ministra resístese a artellar a nivel estatal un procedemento áxil, directo e sinxelo para que a integración destes docentes sexa xa unha realidade".

"Tarde e mal"

Suso Bermello, da CIG-Ensino, considera en declaracións a Nós Diario que o Ministerio actuou "tarde e mal" e que podía solucionar esta cuestión sen necesidade de agardar por unha Lei Orgánica.

E lembra que a persistencia da "discriminación" afecta mesmo á convocatoria da OPE en Educación.