Instan o Estado a declarar a "nulidade" de todas as inmatriculacións da Igrexa

O Estado e a Igrexa acordaron a devolución de case un milleiro de bens patrimoniais que inmatriculara sen que lle pertencesen (Foto: Nós Diario).
A coordinadora Recuperando cualifica de "escandaloso" o acordo entre o Estado e a Igrexa para a devolución de bens inmatriculados que non lle pertencían, alegando que se negociou "na máis absoluta opacidade" e coa "exclusión" dos colectivos que "traballan desde hai 15 anos para a recuperación do patrimonio inmatriculado indebidamente".

A coordinadora Recuperando, que abrangue unha trintena de organizacións cidadás, cualificou esta terza feira de "escandaloso" o acordo entre o Goberno estatal e a Igrexa católica sobre os bens inmatriculados —perto dun milleiro que recoñeceu que non lle pertencían e que agora se comprometeu a devolver—, e reclamou que se declare a "nulidade" de todas as inmatriculacións realizadas polo ente relixioso.

"O Goberno incumpre así o seu compromiso programático, expresado solemnemente no Congreso das e dos Deputados polo presidente [Pedro] Sánchez na súa investidura, cando anunciou que promovería unha reforma lexislativa para 'reverter as inmatriculacións' practicadas pola Igrexa católica, por executarse en virtude dunha normativa claramente inconstitucional", denunciou a coordinadora.

Ao seu xuízo, "lonxe de cumprir a súa promesa electoral", o Estado negociou "na máis absoluta opacidade" cos bispos a "saída en falso" dun "problema de Estado que afecta gravemente a legalidade constitucional e representa unha amnistía rexistral para decenas de miles de leiras, prazas, cemiterios, ermidas, vivendas, hortas e monumentos que seguirán en mans da Igrexa a pesar de non achegar probas documentais de propiedade".

Por iso, Recuperando pide "declarar a nulidade de todas as inscricións episcopais por inconstitucionalidade manifesta sobrevinda". No caso de que a Igrexa dispuxese de senllos documentos acreditativos de propiedade, porpón que se someta ao mecanismo de inscrición rexistral "nas mesmas condicións xurídicas que calquera cidadán".

De forma paralela, reclama unha reforma lexislativa da Lei de Patrimonio Histórico "para identificar, sen ningún xénero de dúbida, que bens do legado cultural teñen a consideración de dominio público e deberían, por tanto, ser protexidos de maneira especial e saír fóra do tráfico mercantil".

Isto é, segundo precisa, o que sucede en países como Francia e Portugal, "cuxo tesouro monumental de carácter relixioso pertence ao Estado, aínda que se mantén o seu uso litúrxico sen restrición ningunha".

Recuperando tamén lamenta a "exclusión" nas negociacións de todas as asociacións patrimonialistas que, desde hai 15 anos, traballan para a recuperación do patrimonio inmatriculado indebidamente pola Igrexa.