"Intentan silenciarnos". A Mocidade Pola Independência denuncia o fechamento da súa conta en Instagram

Logo da rede social Instagram (Foto: Fabian Sommer / dpa).
A MpI xa anunciou a creación dunha nova conta na rede social.

A organización Mocidade pola Independência (MpI) denunciou esta quinta feira o fechamento da súa conta na rede social Instagram, algo que denuncian é “un intento de silenciarnos”.

Nun comunicado, a organización soberanista indicou que “se primeiro foi a nosa canle de YouTube, agora decidiron cancelar permanentemente a nosa conta de Instagram, na que levabamos publicando por volta de 4 anos desde que o noso espazo naceu como unha plataforma de diferentes organizacións da mocidade independentista”.

Para alén diso, desde o MpI salientan que “somos conscientes de que as redes sociais son plataformas controladas pola burguesía, que baixo as súas regras impoñen a súa gran vara de ferro”.

“Todo aquilo que ameace o seu status quo ou que trate de tornar visíbel a violencia que exercen cara á nosa clase é neutralizado por elas e cualificado  de ‘perigoso’ ou ‘terrorista’”, apuntan.

Para esta organización “isto non é un ataque fortuíto, nos últimos anos vemos como o noso espazo cada vez gaña máis forza e cada vez é referente para máis mocidade, o que fai que día tras día sexamos vítimas dunha maior persecución policial a través de intentos de infiltración, multas, ameazas, agresións, seguimentos e procesos xudiciais que continúan hoxe cá censura nas canles de comunicación controladas por eles. Todo isto non fai máis que confirmar que estamos no camiño correcto”.

Nova conta

Por estes motivos, a MpI, anunciou a creación dunha nova conta na rede social: “Presentamos a nosa nova conta de Instagram. á que animamos encarecidamente a seguir e na que a partir de hoxe publicaremos todas as nosas novidades, comunicados e actos”.

Finalizan o comunicado indicando que “Desde aquí queremos deixar ben claro que non pararemos até construír unha sociedade sen clases sociais e unha Galiza autoxestionada polo noso pobo, fóra dos xugos do capitalismo depredador e irracional que ameaza a nosa integridade”.