O inspector da Capitanía Marítima declarou que o Pitanxo "cumpría integramente coas medidas de seguridade"

Imaxe de arquivo do 'Vila de Pitanxo'. (Foto: Nós Diario)

A armadora afirma que na inspección, que duraría máis de 15 días e realizouse días antes da última marea do Pitanxo, o inspector indicou que o buque non fora obxecto de ningunha reforma ou modificación que non estivese contemplada nos planos e documentación oficial.

O inspector da Capitanía Marítima de Vigo declarou que o pesqueiro galego 'Vila de Pitanxo' "cumpría integramente" coas medidas de navegabilidade e seguridade legalmente esixíbeis e non constatou ningunha deficiencia no buque.

Así o diría perante o xulgado Central de Instrución número 2 o pasado día 9 de febreiro, segundo recollen nun comunicado os letrados da defensa do Grupo Nores Marín, a armadora do barco.

Na inspección, que duraría máis de 15 días e realizouse días antes da última marea do Pitanxo, o inspector indicou que o buque non fora obxecto de ningunha reforma ou modificación que non estivese contemplada nos planos e documentación oficial.

Ademais, na mesma asinouse un recoñecemento do equipo existente a bordo, incluíndo ata 24 chalecos e 24 traxes, número que se corresponde co que consta no plano de salvamento do buque e co número de tripulantes que ían no momento do seu naufraxio.

Aliás, o inspector asegurou que estes equipos estaban homologados e en bo estado.

O home tamén diría, segundo os avogados de Grupo Nores, que lle consta que persoal de seguridade da Capitanía Marítima asistiron en varias ocasións a simulacros de emerxencia a abordo do Pitanxo.

Após lle ler a declaración dun dos sobreviventes, Samuel Kwesi, na que dicía que non existía un documento que se chama Cadro Orgánico no cal se explica que facer en caso de emerxencia, o profesional respondeu que si había diversos exemplares en varias zonas do buque, e neles contemplábase como debería actuar cada tripulante en caso de emerxencia e a función que se lle asignaba.

Por último, tamén confirmaría que paralelamente á súa inspección, o barco foi inspeccionado pola sociedade de clasificación Buerau Veritas, que sen ser obrigatorio, foi requirido pola empresa armadora engadindo un plus de seguridade.