Inspección inicia expediente sancionador por infracción grave contra o Concello da Coruña por non ter un plan de igualdade

Fachada do Concello coruñés.

Tras a denuncia presentada pola CIG pola "falta de negociación do novo plan e o incumprimento das medidas recollidas no anterior", segundo informa a propia central sindical.

A Sección Sindical da CIG do Concello da Coruña informa do inicio dun expediente sancionador por parte de Inspección de Traballo pola comisión “dunha infracción laboral grave” ao Concello coruñés, por mor do plan de igualdade.

A central nacionalista lembra que o pasado 29 de xaneiro puxo en coñecemento da Inspección de Traballo a ausencia dun plan de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes no Concello da Coruña, “así como a falta de accións orientadas á consecución das medidas definidas polo Plan anterior (cuxa vixencia rematou no segundo semestre de 2019)”.

De feito, sinala o sindicato nacionalista, no escrito da resolución recóllese que o 74% das accións a adoptar en aplicación do plan de igualdade non foron executadas ou non se fixo un seguimento que acredite o seu cumprimento efectivo. 

A central incide que toda administración pública, na súa condición de empregadora, está obrigada a negociar un plan de igualdade para o seu persoal. “E para a Sección Sindical da CIG poder establecer medidas, adoptadas despois de realizar o diagnóstico de situación, tendentes a alcanzar no ámbito municipal a igualdade de trato e de oportunidades e a eliminar posíbeis discriminacións por razón de sexo, debe ser un ámbito de acción prioritario, e así se lle trasladou ao actual goberno dende practicamente o comezo do seu mandato”.

A central incide que toda administración pública, na súa condición de empregadora, está obrigada a negociar un plan de igualdade para o seu persoal

Porén, durante todo este tempo, engade, "non se apreciou ningunha vontade por parte do Goberno de iniciar medidas de negociación e elaboración dun novo plan de igualdade", polo que a CIG “viuse na obriga de acudir á autoridade laboral competente e poñer en coñecemento a gravidade destes feitos.”

Para a representación da CIG, o inicio desta medida sancionadora constata "o que xa viñamos denunciando: que o Goberno da Concello da Coruña non ten como prioridade a igualdade real e efectiva entre mulleres e homes". Por iso, instan a alcaldesa, Inés Rey, a que amose "non xa unha conciencia feminista, tal e como promulgou no seu discurso de investidura, senón un compromiso claro e firme no cumprimento da legalidade vixente en materia de igualdade e en materia laboral".

Plan en marcha

Fontes do Concello, porén, indican que o pasado mes de setembro recibiran unha carta da Xunta de Persoal solicitando que se puxese en marcha un plan de igualdade. O 8 deste mes, sinalan, respondeuse a esa petición informando de que ese plan ía porse en andamento e "a total dispoñibilidade" do Goberno local neste tema.

De feito, indican, ese plan entrará en vigor cantos antes, indican as mesmas fontes.