A inserción laboral, principal traba social coa que se atopan as persoas coa síndrome de Asperger

Oficina de Emprego de Compostela (Foto: Arxina).
Unha de cada cen persoas padece o Trastorno do Espectro Autista (TEA).

Esta quinta feira conmemórase o Día Internacional da Síndrome de Asperger, unha xornada destinada a sensibilizar a poboación a respecto deste trastorno que se recolle no marco do Trastorno do Espectro Autista (TEA). Segundo datos achegados pola Federación Autismo Galiza, a síndrome afecta a 1 de cada 100 persoas, e no país habería perto de 27.000 casos.

"Até hai pouco tiñamos un descoñecemento practicamente total do TEA, xa que non afecta a todas as persoas por igual e non ten trazos visíbeis que o identifiquen", salienta, en declaracións a Nós Diario, a presidenta da Federación, Mercedes Fernández. Estes días están a desenvolver diferentes actividades de concienciación social baixo o lema 'Fai Espazo', como o encontro telemático 'Asperger e actualidade'.

"Centramos a campaña na formación e a inserción laboral, que é onde atopan máis dificultades. Queremos aproveitar a reforma da FP para lles dar o apoio que precisan e garantir o seu acceso ao emprego", di.

Neste senso, apunta que unha das principais dificultades que atopan normalmente estas persoas é, precisamente, a busca dun traballo. "Son persoas, nalgúns casos, cunhas capacidades cognitivas por riba da media, polo que poden desenvolver calquera traballo se contan co apoio preciso", argumenta.

Así mesmo, Fernández fai fincapé na importancia de que as persoas con TEA poidan optar a "determinadas subvencións e axudas na educación e o emprego" das que hoxe boa parte delas fican excluídas por non teren recoñecido 33% de discapacidade requirido. "A pesar de que non se lles recoñeza a discapacidade, son persoas con certas limitacións para desenvolverse no eido social. Habería que darlles esa posibilidade para que tivesen máis opcións de atopar un traballo", incide.

Os efectos da pandemia

A psicóloga Cristina Couto, quen traballa con persoas con TEA, asegura que a crise sanitaria da Covid provoca reaccións opostas en función da persoa: "Polo xeral, ao igual que nos pasou a todas, padecen moita ansiedade, porque teñen unhas rutinas ríxidas e non é doado comprender o que está a pasar. Porén, si detectamos que outras persoas están encantadas na casa porque non teñen que ir á escola e interactuar, e isto debe facernos reflexionar, porque é evidente que os recursos que pomos ao seu dispor non responden ás súas necesidades", relata a este xornal.

Por outra banda, salienta a importancia de "ofrecer apoio psicolóxico" desde idades temperás, unha atención que debe ser "individual e personalizada" e axeitarse ás "necesidades específicas" de cadaquén. "Tamén precisan un apoio na Sanidade, con medidas sinxelas que teñan en conta as súas características para pasar unha consulta médica", engade.