Por que a inmunidade de rabaño é “unha falacia perigosa”?

Persoas con máscara pola rúa (Imaxe: M.Dylan / Europa Press)

Un grupo de 80 investigadoras e investigadores vén de publicar na revista científica The Lancet un estudo que sinala que “pensar que a inmunidade colectiva se logra infectando persoas non vulnerábeis coa Covid-19 é unha falacia perigosa que non está apoiada pola evidencia científica”. Explicamos aquí os porqués destes científicos.

A prestixiosa publicación científica The Lancet vén de publicar un artigo asinado por un grupo de 80 investigadoras e investigadores. Nunha carta aberta, os expertos, dos eidos da saúde pública, epidemioloxía, medicina, socioloxía, viroloxía, enfermidades infecciosas, psicoloxía, psiquiatría, políticas de saúde e modelos matemáticos, afirman que a idea de permitir que se desenvolva a inmunidade colectiva de baixo risco mentres se protexe a poboación máis vulnerábel carece de sentido.

A divulgadora científica Sonia Villapol debulla o artigo explicando que, segundo estes científicos, a teoría da inmunidade colectiva, que permite surtos non controlados entre sectores de baixo risco, non funciona, “só conduce a un aumento na morbilidade e mortalidade de toda a poboación”.

As persoas vulnerábeis, até o 30% da poboación

“Aínda non coñecemos os efectos a longo prazo dos pacientes recuperados da Covid-19, desde os que foron hospitalizados ou os asintomáticos”, salienta Villapol en referencia á carta aberta, que advirte de que a teoría da inmunidade de rabaño “pon en risco as persoas vulnerábeis”, que representan, di, “30% da poboación nalgunhas rexións”.

Na mesma liña, pon de manifesto que a recuperación da infección por Sars-CoV-2 “non garante a protección contra a enfermidade ou reinfección, mais unha boa vacina pode facelo”. E lembra que a transmisión pode reducirse mediante a distancia física, a hixiene de mans ou “evitando os interiores ateigados e mal ventilados”.

Que facer?

Engade Villapol aos mecanismos para aforrar tempo no control da transmisión as probas rápidas, o seguimento de contactos e o illamento. “Aínda que os confinamentos son efectivos para reducir a transmisión incontroladas, son prexudiciais para a saúde física e mental e para a economía”, salienta a divulgadora, que extracta o artigo de The Lancet.

Os expertos e expertas consideran que un segundo confinamento “é aínda peor para os países que non utilizaron o primeiro para controlar eficazmente a pandemia”.

Na carta aberta, o grupo de científicos aposta en financiar e apoiar con programas sociais os mecanismos de control e apela a protexer “os traballadores de primeira liña”, así como a “evitar a incerteza a longo prazo”.

Conclúen que “controlar a transmisión comunitaria é a mellor maneira de protexer a saúde, a sociedade e a economía”.