Os inmóbeis turísticos dificultan o aluguer en concellos do Camiño Francés

Oficina inmobiliaria no concello de Melide (comarca da Terra de Melide). (Foto: Nós Diario)
O fenómeno das vivendas baleiras tamén provoca a falta de oferta de pisos para arrendar

Os mercados inmobiliarios tensionados non só se dan nas grandes cidades. Nos concellos polos que discorre o Camiño Francés até Compostela, é dicir Pedrafita do Cebreiro, Triacastela, Samos, Sarria, Paradela, Portomarín, Monterroso, Palas de Rei, Melide, Arzúa e O Pino, é case misión imposíbel atopar unha vivenda de aluguer.

Persoas que buscan piso para traballar nun dos citados concellos; edís destes municipios; veciñanza e mesmo o Instituto de Estudos Ulloáns advirten da situación que sofre o mercado da vivenda, motivada pola "avalancha" de peregrinas e peregrinos e tamén polo elevado número de vivendas baleiras.

Nestes 11 concellos, segundo os últimos datos do Instituto Galego de Estatística (IGE), hai 43.891 habitantes en total. O censo de vivendas do IGE suma na zona 36.442, e delas 7.024 están baleiras, o que supón o 16% do parque inmobiliario destes concellos. 

Mónica Barral, concelleira do PSdeG en Melide, explica a Nós Diario que na localidade “case non hai vivendas para alugar, e as poucas que aparecen están a sufrir grandes subas de prezo”. Nos últimos anos, unha vivenda de aluguer pasou, en Melide, de custar 250 euros a 350 euros ao mes. “Teño un coñecido que está pagando 400 euros ao mes polo aluguer dun piso de dúas habitacións e, como están pondo ascensor no edificio, xa lle dixeron que a renda vai subir a 500 euros”.

O tenente alcalde desde concello, Xesús Pereira (BNG), aclara que nos últimos anos veñen experimentando un incremento da poboación, procedente en moitos casos de Latinoamérica, que atopa en Melide traballo principalmente no coidado de persoas maiores. “A demanda de vivendas en aluguer está aí”, explica Pereira, que sinala ademais a “preocupación” desde o Goberno local, pois no caso de que, finalmente, a multinacional portuguesa Altri se instale en Palas de Rei (A Ulloa), durante os anos que ocupe o proceso de construción, “precisaríamos moito traballo e a axuda da Xunta da Galiza” para aloxar unha poboación de operarios que a propia empresa cifra en 4.000 persoas.

Arzúa tamén sofre un mercado inmobiliario tensionado. O concello, durante nove meses ao ano, duplica e mesmo triplica a súa poboación (5.901 habitantes segundo o IGE) pola masiva presenza de peregrinas e peregrinos atraídos polo Camiño de Santiago.

80% dos pisos son para uso turístico 

A concelleira de Turismo arzuá, Begoña Balado (PSdeG), pon de manifesto en declaracións a Nós Diario que "o concello non ten competencias, é a Xunta quen ten que facer vivenda pública". Sinala, ao respecto, que "somos un punto estratéxico, un concello con moita masificación turística e o 80% dos pisos, agora mesmo, estase a destinar a vivendas turísticas de aluguer”.

A concelleira socialista aposta polo desenvolvemento da Lei de vivenda estatal para "solucionar problemas" en concellos como Arzúa, e demanda ademais unha "regulación das vivendas turísticas". 
Da Terra de Melide e Arzúa cara ao Cebreiro, a situación da vivenda repítese. "En Palas de Rei, a oferta de alugueiros é cero, todo está destinado ao Camiño, é imposíbel atopar un piso onde vivir cunha familia”, explica a Nós Diario unha veciña da zona. “Mesmo hai xente que marchou vivir á aldea ou a outros sitios para alugar as súas vivendas aos peregrinos”.

Outra veciña, neste caso residente en Monterroso (A Ulloa), asegura a este diario que “nin en Monterroso, nin en Antas de Ulla nin en Palas de Rei hai nada para alugar”. Afirma que no caso de Palas a falta de vivenda “é claramente polo Camiño” e en Monterroso “hai pouca vivenda en aluguer tamén porque está vindo bastante emigración, sobre todo  de Latinoamérica”. 

"Ningún dos meus compañeiros de traballo que buscaban piso para alugar vive aquí ou en Monterroso; onde encontraron foi en Melide e dando moitas voltas", advirte unha muller de Palas de Rei.

Na localidade de Sarria, Raquel González tamén busca piso, mesmo para compartir, pois acaba de atopar un traballo e ten que trasladarse todos os días desde Compostela. “O da vivenda para compartir en Sarria xa nin existe, mesmo mirando pola rúa non ves ningún cartel con ofertas”.

 


O Instituto de Estudos Ulloáns reclama solucións

Na comarca da Ulloa (Palas de Rei, Antas de Ulla e Monterroso), o Instituto de Estudos Ulloáns tentou botar colaborar na tarefa de pór no mercado vivenda en aluguer. Segundo explica a Nós Diario Francisco Pardo, director deste centro, “tivemos conversas co director do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), e ofreceunos a normativa de alugueres, pero non solucións”. 

A iniciativa do Instituto de Estudos Ulloáns, a respecto da situación da vivenda na comarca, era a de rehabilitar inmóbeis e dar facilidades desde a Administración galega ao aluguer, coa participación tamén das Administracións locais. Buscaban, ademais, segundo explica Pardo, “unha fórmula de protección legal para as persoas que queiran alugar, pois moitas veciñas e veciños viven fóra pero teñen casas rehabilitadas herdadas”. 

Dinamizar o rural

“Hai vivendas”, salienta Pardo, pero falta vontade e axuda das Administracións para pólas no mercado. Segundo relata, na súa aldea, Chorexe, en Palas de Rei, “hai tres persoas maiores que vivían até hai pouco nas súas casas pero que agora marcharon a residencias e as súas vivendas están baleiras, pero non en alugueiro”. Critica que os concellos da comarca non adoptaran iniciativa ningunha ao respecto malia coñecer o problema para alugar unha vivenda.

“Hai que dinamizar o rural con xente que vén traballar”, argumenta, pero advirte de que, diante da inacción das Administracións, “cada ano hai máis vivendas baleiras, vivendas rehabilitadas ou mesmo para entrar a vivir pero que co paso do tempo empezan a deteriorarse por estaren fechadas”. Ademais, Pardo destaca que nesta comarca, o perfil da persoas que elixen algún dos concellos para instalarse é de “xente que produce en ecolóxico, que defende a paisaxe e ten proxectos emprendedores, pero non ten onde vivir”.