A inmigración eleva o censo galego en 1.995 persoas

A poboación galega segue por baixo da barreira dos 2,7 millóns. (Foto: Arxina)
O saldo vexetativo segue a ser negativo.

A poboación da Galiza incrementouse en 1.995 persoas durante a primeira metade do ano debido ao saldo migratorio exterior e interior, xa que o vexetativo foi unha vez máis negativo —máis mortes que nacementos—.

Así, o total de habitantes do país fica en 2.693.451 a 1 de xullo de 2022, ao contabilizar 10.651 falecementos máis que nacementos neste período, pero saldos positivos sobre todo na migración exterior (+12.106), mais tamén na interior (+622).

No conxunto do Estado español, durante o primeiro semestre de 2022 a poboación medrou en 14 territorios e reduciuse no tres restantes, así como nas cidades autónomas de Ceuta e Melilla.

Os maiores incrementos en termos relativos déronse na Comunidade de Madrid (0,82%), Illes Balears (0,68%) e País Valencià (0,66%). No outro extremo, os descensos de poboación máis acusados déronse en Estremadura (-0,15%), Asturias (-0,08%) e Castela e León (-0,03%).

Namentres, todos os territorios presentaron un saldo migratorio positivo co exterior na primeira metade de 2022. Os maiores déronse en Madrid (54.328), Catalunya (40.823) e País Valencià (39.494). Pola contra, as comunidades con menores saldos migratorios foron A Rioxa (1.490), Estremadura (2.222) e Cantabria (2.809).

Os saldos migratorios entre comunidades máis positivos durante o primeiro semestre de 2022 déronse en País Valencià (2.570), Madrid (1.435) e Andalucía (769). Porén, Catalunya (-1.468), Euskadi (-1.209) e Estremadura (-757) presentaron os saldos máis negativos.

Segundo as Proxeccións de Poboación 2022-2072 publicadas o pasado mes polo INE, a Galiza perderá case 35.000 habitantes até 2037, ficando para entón con perto de 2,65 millóns de persoas, o que representaría 1,3% menos que na actualidade.

Deste modo, o país ficará entre os territorios do Estado español que perderían poboación nos próximos 15 anos, canda Castela e León (-96.888 habitantes), Asturias (-66.921 habitantes) e Estremadura (-50.996 habitantes) á cabeza. A Galiza sería cuarta dunha listaxe que fechan Ceuta (-7.327 persoas) e Melilla (-2.571 persoas). O resto gañarían poboación neste período.