Unha escolma do papel /Debates 2x5

Inmersión lingüística en galego nas aulas do país?

Marcos Maceira defende o ensino en galego, mentres que Valentín García avoga polo sistema do actual decreto de plurilingüismo.

A poucos días de conmemorar o 17 de maio, publicamos o debate entre Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, e Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística ao redor da inmersión lingüística. Preguntámoslles se é o sistema acaído para promover o galego na escola.

 

Sermos Galiza. Debe haber inmersión lingüística nas aulas da Galiza?

 

Valentín García. Eu creo que na Galiza non é o máis axeitado pola proximidade entre o castelán e o galego e porque supón segregar parte da comunidade educativa, das rapazas e rapaces que asisten ás aulas en varias liñas distintas, en varios modelos que habería que implantar de inmersión, e porque o sistema que temos está a dicir continuamente que o noso alumnado ten competencia suficiente en lingua galega para poder desenvolver unha vida cotiá nesta lingua. Outra cousa é o problema do uso, que non se fai uso dela, pero o uso non nolo dá o ensino, senón a sociedade.

 

Marcos Maceira. No caso do galego, a inmersión lingüística equivale a falarmos de ensino en galego. Na nosa realidade galega, fóra de que a lexislación fala de progresividade na introdución do galego dentro das aulas, non só non hai ensino en galego, senón que o que temos é o contrario: unha presenza esmagadora do castelán nas aulas galegas en contextos nos que ademais non é posíbel que o alumnado teña contacto coa lingua máis alá do centro de ensino. É imposíbel facer a vida en galego, e o sistema educativo, en vez de incorporar o galego nun espazo onde o alumnado pasa grande parte do día, expulsa máis o galego do sistema educativo. Hai pouco tiñamos [A Mesa] unha reunión contigo e co conselleiro de Educación a respeito do que acontece coa LOMCE e a carga horaria de materias en galego no ensino.

 

Valentín. A Lei de Normalización Lingüística non só di o que apuntas, que o ensino da lingua ten que ser progresivo, tamén ten un artigo no que expresamente di que non debemos facer inmersión lingüística, que en ningún caso o alumno pode ser segregado por razóns de lingua. Os redactores desta lei sabían moi ben o que estaban dicindo.

 

Marcos. Iso [a segregación do alumnado por razón de lingua] evitouse recentemente grazas a un recurso da Mesa ao actual decreto.

 

Valentín. O decreto di que o ensino da lingua ten que estar equilibrado ao final de cada ciclo educativo, baseándose nun sistema que non está dando malos resultados, que é a atención personalizada e a responsabilidade do propio docente. Ti falas de comunidades educativas centradas nas cidades e é certo que evidentemente aí temos as necesidades máis perentorias de buscar máis exposición ao galego, mais tamén é certo que os centros que están na Galiza rural ou na vilega non teñen ese problema. Se imos a calquera centro educativo do rural podería argumentar en contra, a exposición ao galego é total.

 

Marcos. Non é así.

 

Marcos Maceira: «Falamos de que a lingua vehicular do ensino sexa o galego, e é triste ter que discutir isto, ademais, co secretario xeral de Política Lingüística»

 

Valentín. Conforme se vai a contornas máis urbanas, e isto na Galiza é historicamente así, non é nin a Lei de Normalización, nin o plan, nin o decreto, o incremento do castelán vaise notando. Isto hai que corrixilo, o sistema educativo tamén está para corrixir isto pero nós si temos unha fórmula e é, como digo, a responsabilidade dos docentes, das familias. No caso de estabelecermos a inmersión lingüística nos tres modelos, como existe no País Vasco, teño as miñas serias dúbidas de cal vai ser a elección das familias galegas.

 

Marcos. Para aclarar os termos, en Euskadi existe un modelo que probabelmente non necesitemos nós nin outros territorios. Cada país ten as súas especificidades. Inmersión lingüística úsase como equiparación de ensino en galego e iso non require de segregación de ningún tipo, senón de vontade da Administración á hora de aplicar a Lei de Normalización cando fala de ampliar os usos do galego no sistema educativo.

 

Valentín. A Unesco, cando fala de inmersión, fala da voluntariedade das familias.

 

Marcos. Nós temos unha Lei de Normalización Lingüística, hai unha Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias, hai unha serie de declaracións aparentemente unánimes…

 

Valentín. Si, pero ás familias tes que darlles a liberdade de poder optar por un modelo ou outro e aí é onde vou eu.

 

Marcos. Estamos a falar da lingua vehicular no ensino. Estamos de acordo, supoño, porque o primeiro que ten que respectar a norma é o secretario xeral de Política Lingüística, que a lingua propia de Galiza é o galego. E sendo así, como o sistema educativo pode roubarlle aínda máis a lingua propia ao alumnado, como está acontecendo agora mesmo? No modelo presente, o galego está cada vez máis excluído. En relación ao Ensino Infantil, coñeces os dados da Mesa, e sabes que os rapaces teñen vetado o máis elemental achegamento ao galego porque a lingua está completamente excluída e ausente. O afogamento en castelán é absoluto.

 

Valentín. O alumnado sae do sistema educativo cunhas competencias moi boas.

 

Marcos. O tratamento que ten o galego no sistema educativo é exactamente o mesmo que o dunha lingua estranxeira. Unha persoa pode aprender latín na escola e ter unhas competencias para desenvolverse na escrita, pero iso non quere dicir que teña capacidade para desenvolverse en latín.

 

Valentín. Nós manexamos dados que aseguran que as competencias son exactamente as mesmas en galego que en castelán. E acaba de facer público un informe o Consello da Cultura Galega onde se recolle que o alumnado se sente igual de seguro falando castelán que galego, tanto quen provén do medio rural como quen provén do medio urbano. Outra cousa é que o uso é totalmente distinto. O ensino cumpre a súa función desde o momento en que lle dá competencia ao alumnado e o dota de aptitudes. O uso vén dado pola sociedade.

 

Valentín García: «O ensino cumpre a súa función desde o momento en que lle dá competencias ao alumnado en galego»

 

Marcos. Hai unha percepción moi ampla de que o galego está excluído das aulas. Cantas nais e pais se queixan de que a lingua na casa é o galego e que os nenos ao chegar á escola mudan a lingua?

 

Valentín. E onde viven eses pais, nunha parroquia de Cercedo? Non. Nunha familia galegofalante que vive na rúa Príncipe, en Vigo, os rapaces van topar cunha comunidade educativa maioritariamente castelanfalante. Por moito que o sistema educativo teña as materias fixadas en galego, teña un sistema equilibrado de ensino de linguas a 50%, 90% dos nenos cos que ese rapaz da aula vai estar, van falar en castelán. E aí vén o castelán de volta para a casa, non é tanto o sistema educativo como a comunidade educativa. Se matriculamos ese mesmo neno na Laracha, seguramente volva para a casa falando galego, aínda que os pais falen castelán.

 

Marcos. O sistema educativo ten que corrixir determinadas desigualdades que existen na sociedade, entre outras, en relación á lingua.

 

Valentín. Pero con competencia e aptitude. O sistema educativo non pode modificar o galego da rúa e do patio.

 

Marcos. É evidente, e é unha percepción pública e notoria de boa parte da sociedade galega, que o que se produciron foron retrocesos. Hoxe o uso do galego nas aulas por parte do profesorado é máis baixo do que foi nunca na historia democrática.

 

Valentín. Non estou de acordo en absoluto. Os profesores teñen que cumprir a lei en vigor e o decreto é moi claro, 50% e igual competencia ao final de cada ciclo.

 

Marcos. Foméntase un tipo de competencia de uso que non garante a capacidade dunha conversa fluída ao alumnado. A capacidade de conversa fluída do alumnado ao remate do sistema educativo non existe. Hai un cóctel explosivo entre o sistema educativo e a realidade social. Se queremos que Galiza exista, se queremos poder desenvolvernos con plenitude na nosa lingua, o sistema educativo ten que corrixir as eivas que hai na sociedade. O que fai falta é un ensino en galego, é dicir, a lingua vehicular do ensino ten que ser o galego e o triste é que teñamos que discutir isto, ademais, co secretario xeral de Política Lingüística, que debería ser o encargado de iso ter aplicación práctica e for unha realidade.

 

Valentín. O sistema educativo na Galiza está favorecendo o proceso normalizador e a proba é que o alumnado sae do sistema educativo con igual competencia en galego que en castelán. Outra cousa son os ámbitos de uso, que están condicionados polo hábitat e polo lugar onde un viva. O sistema educativo ten que dotar de competencias e iso estao facendo. Evidentemente, todo é mellorábel, pero a nosa normativa así o asegura. E o nivel de competencias na Galiza é o máis alto de todas as comunidades con lingua cooficial.

 


 

Reparto de lingua por materias 

 

Marcos. A realidade é que o profesor de Matemáticas non pode impartir aulas en galego, nin o de Física e Química, e xa non falemos de Educación Infantil, onde, nas cidades, está desaparecido.

 

Valentín. Cando se regula a escolla das materias, o que se está facendo é intentar favorecer o galego coas materias que manexan máis léxico, máis vocabulario. É dicir, danse en galego as Ciencias Sociais, as Ciencias Naturais, a Xeoloxía, a Bioloxía, a Xeografía.

 

Marcos. Parece que son moitas materias, pero hai que dicir que Ciencias Sociais e Xeografía danse xuntas e que Bioloxía e Xeoloxía van tamén na mesma materia. 

 

Valentín. Tampouco é certo de todo que as materias de ciencias non se poden dar en galego. Evidentemente as ciencias danse en galego, pero decidiuse que aquelas materias máis ricas en léxico e vocabulario fosen en galego e as máis técnicas en castelán. O galego é lingua da televisión, do Parlamento, do goberno, dos concellos…

 

Marcos. Os únicos espazos onde o galego ten aínda certa presenza, porque se saímos diso…

 

Valentín. Todo é mellorábel e todo se presta ao debate, pero o sistema educativo non é o que máis problemas ten co galego, para nada. Se nalgún espazo se avanzou e se algún sistema fixo unha función moi boa co galego foi o educativo.

 

Marcos. É a primeira vez, en 2010, en que se restrinxe o uso do galego á determinadas materias.

 

Valentín. Onde se fixa.

 

Este debate apareceu no Sermos Galiza nº 245, publicado a 11 de maio de 2017.