O inicio do curso en Secundaria, Bacharelato e FP adíase ao 23 de setembro

Román Rodríguez preside unha xuntanza cos xefes territoriais de Educación. (Foto: Xunta da Galiza)
O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, toma esta decisión despois de manter unha reunión de traballo coa Xunta Autonómica de Directores de Secundaria. Asegura que a decisión foi rápida malia que veu provocada pola negativa de directores de centros de Compostela, Pontevedra e A Coruña a dar inicio ás clases sen contar cun marco organizativo no que basearse.

O comezo do curso para o estudantado de Secundaria, Bacharelato e Formación Profesional da Galiza atrásase do 16 até o 23 de setembro e os seguintes días. Así o vén de comunicar a Consellaría de Educación, forzada a tomar esta medida ante o anuncio de diferentes institutos de Compostela, Pontevedra e A Coruña de que non ían comezar as clases porque non estaban preparados.
 
Os primeiros en ser críticos cos prazos que lles deixou a Xunta para prepararse foron os equipos directivos de oito dos dez IES de Compostela, que mandaron un escrito ás autoridades competentes explicando a súa problemática.
 
Onte sumáronse a esta queixa, protesta e retraso do inicio do curso lectivo dous centros de Coruña e numerosos institutos de secundaria e Formación Profesional da cidade de Pontevedra.
 
Após reunirse coa Xunta Autonómica de Directores de Secundaria, o recén nomeado conselleiro de Educación, Román Rodríguez, anunciou que o curso empezará o día 23 e seguintes por "problemas organizativos", co obxectivo de "converter os espazos educativos en espazos seguros ante a Covid-19".
 
Rodríguez, que onte aínda estaba facendo cambios nos altos cargos do seu departamento, sostén que esta decisión é pre4cisa para "poder cumprir o metro e medio de distancia de seguridade" que se lles está a exixir aos centros para garantir a seguridade de alumnado e profesorado.
.
Desde o seu punto de vista trátase "dunha decisión meditada, compartida e exemplo de cogobernanza", que permitirá que o inicio do curso desenvólvase "cunha maior previsión e mellor organización". En todo caso, pide "comprensión" ás familias, consciente de que pode "xerar algunha problemática concreta" no relativo á conciliación.

Evitar una crise educativa

Despois da reunión, Rodríguez recoñeceu ante os medios que ter que dar a garantía do metro e medio entre as e os estudiantes "trastocou o traballo previo". Por iso, tomou a "decisión técnica" de atrasar o comezo do curso lectivo. Sostén que en Primaria "non se modifican as reglas do xogo", como sí ocorre nos niveis educativos superiores.
 
Co marxe gañado para os institutos e centros de FP, o conselleiro di ter dado "un tempo precioso" para que se completen as adaptacións. Malia que recoñece que tamén se traballará a "contrarreloxo".
 
Así mesmo avanzou que os inspectores e as autoridades sanitarias serán responsábeis de indicar "cantos desdobres serán necesarios". Agora ve "prematuro" dar unha cifra". Nun contexto de probábel "crise económica sen precedente", o reto que se marca é que "non haxa risco de crise educativa".