O inicio de curso en Portugal: da presencialidade á "telescola"

Portugal ampliou o estado de continxencia a todo o país o día 15, coincidindo co inicio de curso. (Europa Press)
Portugal reabriu entre o 14 e o 17 deste mes o curso académico, pasadas dúas semanas de que o Goberno fixese público o protocolo de actuación no caso de contaxios. Antes, a principios de xullo, iniciara a publicación de orientacións que foron actualizadas a finais de agosto e que van ligadas á evolución da pandemia.

Con similitudes e diferenzas ao que ocorre na Galiza, a volta ás aulas en Portugal cumpre dúas semanas de implantación coas modificacións que impón a pandemia, que alí alcanza os 24.188 casos activos e os 1.957 decesos.

Como no caso galego, o reinicio do curso escolar veu acompañado dunha folga do profesorado, convocada polo Sindicato de Todos os Professores (STOP), anunciada a principios de mes e que chegou a fechar algún centro no distrito de Lisboa. 

Nos motivos principais invocados polo colectivo docente estivo, de forma concordante, o número de estudantes por aula, que no caso portugués queda delimitado polas medidas de distanciamento interpersoal, que recomendan os dous metros ou un e medio de separación, pero que permiten reducir a marxe até o metro, de faltar espazo.

Igualmente, a protesta pide mellores condicións para o persoal en risco, que alí non ten a posibilidade de facer teledocencia e debe acollerse á baixa médica para non asistir, mentres que no caso galego, ten que acudir ao centro até que o servizo de prevención de riscos determina, previa solicitude, que se dan as condicións para non incorporarse. 

O paro portugués serviu ademais para reclamar un maior número de asistentes operativos, persoal de reforzo de limpeza, acompañamento e outras funcións, que se viron multiplicadas polas novas necesidades da situación sanitaria –Portugal permite que os centros amplíen horario lectivo–. 

Máis recursos

No entanto, o novo curso supuxo no país veciño a contratación de 900 profesionais técnicos de intervención –en especialidades como psicoloxía, educación social ou audición e linguaxe– e 3.300 docentes de reforzo, máis que os 847 contratados para Secundaria pola Xunta neste curso, aos que se suman 953 dos distintos programas de reforzo para Primaria e Secundaria.  

Cunha estratexia baseada na prioridade do ensino presencial, e na celeridade á hora de enfrontar os focos mendiante rastrexo temperá, co fechamento do centro completo como a última opción, numerosas medidas a adoptar nos centros lusos achéganse ás que están a desenvolver nos colexios, escolas e institutos galegos.

Grupos estábeis, entrada e saída graduais, máscara obrigatoria –a partir do quinto curso–, son algunhas das directrices pautadas nos centros, que, como ocorre na Galiza, tiveron que preparar un plan de continxencia e dispor dun espazo de isolamento para os casos sospeitosos e teñen fixados itinerarios para xestionar abrollos.

En ambos os dous casos, a información ao respecto non é fluída, e se Portugal non facilita –segundo denuncian medios como Público– datos dos centros afectados a Xunta faino de forma intermitente: os últimos datos oficiais, do sábado, apuntaban a 51 aulas fechadas e 258 contaxios

Para reducir a fenda dixital, o  programa portugués Escola Dixital destina 400 millóns de euros para a adquisición de 1,5 millóns de equipos informáticos para alumnado e profesorado, con prioridade para aquel con maiores necesidades. Na Galiza, a dotación de equipos prevista pola Xunta alcanza os 55.000.

Outro dos recursos postos a andar –xa no pasado curso– en Portugal, e que agora se amplía,  é o de Estudo em Casa, que ofrece programas educativos e recursos a través da televisión –a antiga "telescola"–, ademais de por internet.