Inicio de curso: feche de 74 aulas e despedimento de máis de 400 docentes interinos

O feche de escolas e aulas, o despedimento de docentes ou a perda de poder adquisitivo do profesorado galego son algún dos problemas sinalados polo principal sindicato do sector, CIG-Ensino

O inicio do curso escolar 2018/19 presenta varios puntos quentes, segundo a análise da CIG-Ensino, o sindicato maioritario no sector. O feche de escolas e aulas, o despedimento de docentes ou a perda de poder adquisitivo do profesorado galego son algún dos problemas sinalados por esta central.

 

“Máis dun 11% do persoal interino que tivo nomeamento durante todo o curso pasado perderá o seu posto de traballo ou verá empeoradas as súas condicións laborais despois de que a Consellaría convocara oposicións sen facer un estudo serio sobre a previsión de xubilacións e a situación deste colectivo en cada especialidade”, critican desde a CIG. En concreto, segundo un informe elaborado por este sindicato tras a adxudicación de destinos para este curso serían un total de 172 en Primaria e 256 en Secundaria as prazas afectadas “por esta falta de planificación”.

 

CIG-Ensino tamén critica o acordó salarial “apoiado só por dous sindicatos” e que hipoteca até 2021 calquera outra mellora salarial que se puidera conseguir para o profesorado galego e non evita seguir perdendo poder adquisitivo”. De feito, puntualizou o secretario nacional de CIGEnsino, Suso Bermello, “as subas salariais pactadas (un 1,5% de momento da masa salarial polo acordo estatal) e a irrisoria contía de 15 euros brutos a partir da paga de outubro son inferiores á suba do IPC que se disparou ao 2,3% interanual nestes momentos”.

 

O goberno Feixoo foi o primeiro de todo o Estado en incrementar o horario do persoal docente nada máis chegar ao poder en 2009. “Pasamos de 21 a 25 horas en infantil e primaria e de 18 a 20 en secundaria”. Aliás, houbo unha ampliación de ratios, “que nalgúns casos están por riba dos máximos legais”.

 

A redución de horario lectivo e de ratios suporía unha mellora relevante na calidade do ensino ao ter menos grupos que atender, permitir os desdobres e os reforzos e reducir a impartición de afíns, explica o sindicato. “Mais a tendencia da Consellaría é a ir empeorando as condicións de traballo“.

 

Bermello fixo balance tamén doutros aspectos da política educativa de Feijóo que deixa un inicio de curso con 74 aulas de infantil e de primaria pechadas en toda Galiza, sobre todo no rural, cunha insuficiente atención á diversidade