Unha iniciativa popular chama a restituír o himno de Pondal

Anxo Louzao xunto a María Antonia Pérez, Manuel Ferreiro e Marcos Maceira no rexistro do Parlamento galego. (Foto: Arxina).
As plataformas Galiza Cultura e Vía Galega presentaron onte no rexistro do Parlamento da Galiza unha proposición de lei de iniciativa popular para a restauración do texto fidedigno do himno galego e a súa difusión. "É unha cuestión de xustiza histórica". 

Unha trintena de persoas do mundo da cultura, do ensino e do asociacionismo galego encabezan a comisión promotora da Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) que busca defender no Parlamento da Galiza unha lei para a restauración do himno galego.

No seu nome, esta terza feira acudiron ao rexistro da Cámara galega Anxo Louzao, voceiro de Vía Galega, e Manuel Ferreiro, catedrático da UDC e investigador do himno. Arroupados pola vicepresidenta de Galiza Cultura, María Antonia Pérez; o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira; o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, e a escritora e profesora da UDC María Pilar García Negro, entre outros, presentaron a proposición de lei que agora lle corresponde valorar á Mesa do Parlamento. De ser admitida a trámite dará o salto á Xunta Electoral, encargada da tramitación da recollida das 10.000 sinaturas que exixe o procedemento para o debate da iniciativa no pleno da Cámara.

Foi a partir de 1907, na Habana, cando se adoptou como himno galego o texto de Pondal escrito en 1890

Con esta ILP, Galiza Cultura e Vía Galega amplían unha campaña que busca pór en valor e popularizar os símbolos nacionais. "Os símbolos de calquera nación, máis dunha como a galega, sen estado de sei nin soberanía política plena, son imprescindíbeis", tamén como expresión "da vontade de existirmos como pobo", defendeu Louzao.

Facer legal o texto real

Con todo, a motivación última desta iniciativa, dixo, paira sobre a necesidade de "propagar e divulgar o himno, xa que non se canta da forma correcta nin completa. Ademais, a sociedade non coñece nin a súa xénese, nin a súa historia, nin o seu significado".

Manuel Ferreiro, estudoso e máximo especialista no himno e na obra de Pondal, contribuíu nas últimas décadas á recuperación do texto fidedigno do himno. "Agora só nos queda restauralo oficialmente".

Esa é a pretensión final da ILP, resumiu Louzao. A conquista de "acomodar o texto legal [Lei de símbolos de 1984] ao texto real escrito por Pondal" en 1890, conta xa con tres intentos frustrados, sinalou Ferreiro; en 1996, en 2002 e en 2017.

"Foi a partir de 1907, na Habana, cando se adoptou como himno galego". A súa difusión a partir desa data, lonxe do país, é o que explica que a obra de Pondal "fose recibindo adherencias textuais que non se correspondían co que el escribira". Foi algo inevitábel, xustificou o catedrático da UDC, mais o propio autor, "xa moi ancián, dirixiuse a Fontenla Leal, gran promotor do himno na Habana, dicindo que o texto tiña incorreccións e que había que corrixilas".

É unha cuestión de xustiza histórica que nin sequera require de investimentos

Pondal morreu en 1917 sen culminar esa reparación que agora encomendan ao Parlamento. "É unha cuestión de xustiza histórica que nin sequera require de investimentos. O único que fai falta é a vontade de quen nos representa" para devolverlle ao himno as palabras escollidas orixinalmente por Pondal, sinalou Manuel Ferreiro. O autor, dixo, "non inventou palabras inexistentes en galego como féridos, senón férridos, nin hiperenxebrismos como iñorantes, senón ignorantes e importou voces procedentes do gaélico como clan [pobo], non escribiu chan".

"A veracidade da documentación achegada polo profesor Ferreiro obra en mans do Parlamento e está ao dispor de todo o mundo nunha institución pública como é a RAG", destacou María Pilar García Negro, quen chamou a acabar dunha vez cun "anacronismo" polo que xa pelexou en 2017.