A Iniciativa pola Gratuidade anuncia ''presión'' contra o repagamento dos fármacos ''até que a Xunta recúe''

[Imaxe: SG]

A conselleira de Sanidade confirmou nunha xuntanza coa plataforma que aplicará o decreto español. O BNG reclama no Parlamento dados sobre as receitas prescritas pol@s médic@s que despois non se recollen nas farmacias.


A teima da consellaría de Sanidade en aplicar o repagamento dos fármacos hospitalarios carrexará "medidas de presión até que recúe". Anuncióuno esta terza feira día 19 a Iniciativa Galega pola Gratuidade da Sanidade Pública após unha xuntanza mantida con Rocío Mosquera, titular do departamento, para exixir que asuma a Xunta ese repagamento e que se derrogue o decreto do transporte urxente. 

En nome da plataforma falou Federico Gutiérrez Estoa, alcalde de Riotorto (BNG) e o primeiro cargo público en se declarar insubmiso perante o repagamento. Dixo Estoa que a conselleira Mosquera se escudou "na escusa de homoxeneizar a xestión do sistema" de saúde para aplicar a medida aprobada polo Goberno español "e impoñer un modelo sanitario de pago".

Mobilizacións contra ''un modelo de luxo''

Perante a pregunta concreta de se o Executivo galego asumirá o pagamento dos fármacos hospitalarios para doentes crónic@s, a resposta da conselleira foi de todo menos concreta. "Interpretámola como negativa", explicou Estoa, para valorar de seguido como "negativo" o encontro con Mosquera.

Ao longo desta semana a Iniciativa manterá unha reunión para decidir a respeito das medidas concretas de presión que se van executar, convencida, subliñou o rexedor riotortense, de que "podemos facelos recuar" e evitar que se impoña "un modelo de luxo para os máis pudentes".

Que a Xunta informe das receitas prescritas que non son recollidas nas farmacias

A problemática polo repagamento dos fármacos chegou tamén ao Parlamento galego. A través dunha proposición non de lei presentada pola deputada do BNG Montse Prado na comisión de Sanidade, a formación frontista insta a lle reclamar á Xunta a elaboración dun estudo: que se complilen dados das receitas prescritas pol@s médic@s e que non foron recollidas nas farmacias, tamén no caso de doentes crónic@s.