Os ingresos por Covid en UCI afectan cada vez máis a xente nova

Unidade UCI no Hospital Clinico de Santiago. (Foto: Ana Varela / Xunta).
Desde o Hospital Lucus Augusti de Lugo advirten que a media de idade dos pacientes críticos descendeu. Agora, sitúase entre os 40 e 60 anos.

A xefa da Unidade de Coidados Intensivos do Hospital Universitario Lucus  Augusti (HULA), Ana Ferreiro, alertou de que os ingresos en UCI por mor da Covid-19 afectan cada vez máis a xente "nova", sobre todo a persoas de entre os 40 e os 60 anos.

Ferreiro revelou que hai dous días, no servizo, estaban "entusiasmados porque chegamos á UCI e non había ningún caso Covid, o que che dá unha sensación de alivio, dun alivio ficticio porque realmente durou moi pouco tempo".

Neste momento son dous os doentes cunha PCR positiva que permanecen nesta unidade do HULA, dun total de seis pacientes hospitalizados con coronavirus. E son, dixo en relación cos pacientes críticos, "xente nova". "Por iso insisto moito na necesidade da vacinación, porque a franxa de 40 a 60 anos é a de maior afluencia de xente que se contaxia nestes momentos", acreditou a médico lucense.

Ingresos máis espazados

Ana Ferreiro incidiu en que durante 24 horas non ingresou na UCI ninguén, algo que "non ocorría desde había moito tempo" no hospital de Lugo. Con todo, a xefa da UCI asume que "isto non se acabou". "Estamos, iso si, mellor e máis desafogados". Nada que ver, relacionou, coa terceira onda, "que foi como un  tsunami con tres ou catro casos cada noite".

"Agora estamos mellor, cun enfermo que pode ingresar cada tres días", precisou. Ferreiro puxo especial énfase en que "nos últimos quince días os ingresos foron a menos, mesmo demos o alta a algún enfermo que estivo dous meses e medio" na UCI.

E volveu a insistir en que cada vez son máis os casos de contaxios entre xente "nova", de entre "40 e 60 anos".