Ingresos cero: Tradutoras e intérpretes alertan do impacto do coronavirus na súa actividade

Profesionais da tradución e da interpretación pídenlle á Xunta ser incluídas nas medidas de apoio económico.
A Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación (AGPTI) defende a necesidade de dar amparo e cobertura a todas as profesionais afectadas polo coronavirus.

A Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación pide traballar no presente mais sen descoidar a situación de todas as traballadoras que nestes momentos se ven afectadas polo avance do coronavirus.

Ademais de trasladarlle a súa solidariedade á sociedade "nestes momentos nos que todos os esforzos por deter o avance do coronavirus son necesarios e imprescindibles", o colectivo profesional advirte de que "cómpre garantir que as repercusións desta pandemia non se prolonguen no tempo nin teñan como resultado un empobrecemento significativo do groso da poboación".

"A meirande parte das empresas están a reducir os gastos de tradución e corrección".

A través dun comunicado, intérpretes e tradutoras manifestan o seu apoio a "todas as persoas que nestes días garanten a nosa saúde" para incidir, a continuación, na necesidade de "dar amparo e cobertura a todas aquelas profesionais que se están a ver afectadas de xeito moi directo pola epidemia e que, polo de agora, semellan quedar fóra das iniciativas económicas anunciadas polo Goberno estatal".

Interpretación

A AGPTI pon o acento na súa actividade e prognostica un forte impacto económico para a súa economía "dado que a cancelación de encontros internacionais pode durar ben máis que a situación de alerta e emerxencia na que estamos inmersas".

"A maioría de profesionais da interpretación no noso país traballan como autónomas e están nestes momentos en situación de ingresos cero". Sen expectativas, din. A suspensión de eventos comezou antes de que o Goberno anunciase decretos e medidas concretas, e agora, engaden, esténdese de forma paulatina cada vez por máis países. Ademais, "a recuperación dos sectores económicos nos que traballan prevese especialmente lenta".

Tradución

En canto ao sector da tradución e da corrección, as perspectivas non son mellores. "Tamén se está a ver seriamente afectado por esta crise, igual que outros colectivos de autónomos e autónomas, xa que os nosos servizos non son considerados esenciais. Ante a inestabilidade económica e a falta de previsión, a meirande parte das empresas está a reducir este tipo de gastos", explican.

"A AGPTI fai un dobre chamamento, á cidadanía, para que fique na casa, e aos poderes públicos, para que habilite axudas especificas".

“É previsíbel que o noso sector sufra importantes cambios nos próximos tempos, coa preocupación de poder ou non acollerse ás axudas por ceses e redución de actividade”. Neste sentido, fan un dobre chamamento. O primeiro, a toda a poboación, co fin de rebaixar o rebaixar o pico da crise e contribuír a que a súa duración sexa máis breve. “Animamos a toda a cidadanía a que, coma nós, fique na casa”.

E o segundo, dirixido aos poderes públicos. Piden poñer en marcha as medidas necesarias para “evitar que se cree unha bolsa de pobreza entre profesionais que axudan a que a Galiza estea presente a nivel internacional, e a que as nosas empresas, sistema médico e investigador, social e cultural poidan establecer relacións cos outras comunidades lingüísticas”.

Medidas de apoio

A AGPTI reclama a intervención da Xunta da Galiza para garantir que o colectivo de intérpretes sexa incluído de forma explícita en calquera medida de apoio a sectores damnificados, “indicando como se acreditará a condición de intérprete, xa que esta profesión carece de epígrafe propia no rexistro de actividades económicas”.

Solicitan, ademais, que se consideren os danos derivados do período de peche e alerta sanitaria, mais tamén a perda de ingresos posterior. E que se asegure unha reactivación dos congresos e encontros de todo tipo con investimentos específicos neste tipo de actividade dentro da Galiza que garantan a creación de oportunidades laborais.