Os ingresos de 43.353 familias galegas están por baixo dos 600 euros ao mes

A pobreza impacta de xeito importante nas persoas maiores. (Foto: Europa Press)

Os datos do Instituto Galego de Estatística certifican que as rendas de 13.531 familias na Galiza fican por baixo dos 400 euros mensuais e os ingresos de 29.880 están entre os 400 e os 600 euros mensuais. As cifras máis reducidas atópanse na poboación de máis idade, como resultado do baixo nivel das pensións na Galiza.

Os datos achegados polo Instituto Galego de Estatística (IGE) sinalan que os ingresos de 43.353 familias galegas están por baixo dos 600 euros ao mes. Nesta liña, precisan que as rendas de 13.531 familias son inferiores a 400 euros mensuais e os ingresos doutras 29.880 sitúanse entre os 400 e os 600 euros mensuais. A este respecto, os peores rexistros preséntanse naqueles segmentos de poboación de máis idade, como resultado do baixo nivel retributivo das pensións na Galiza.

As cifras procedentes da  Axencia Estatal de Administración Tributaria debuxan un panorama preocupante no referido ás persoas maiores de 64 anos: 58.271 pensionistas cobraron de media 175,25 euros ao mes e 191.478 entre 200 euros e 600 euros mensuais. Neste sentido, a comparativa dos exercicios de 2020 e 2021, último ano con cifras, deixa claro que os beneficiarios das pensións máis baixas téñense incrementado en 35% nese período.

A pensión media anual na Galiza foi de 14.498 euros. A este respecto, a contía situouse para os homes en 16.707 euros e para as mulleres en 12.419. Porén, unha parte importante da poboación xubilada recibiu unhas cantidades moi inferiores. Neste sentido, a Rede Europea de Loita contra a Pobreza e a Exclusión Social na Galiza (EAPN-Galiza) destaca no seu relatorio O Estado da pobreza na Galiza que 20% da poboación maior de 64 anos é pobre.

A situación ten particular gravidade neste segmento de idade. Os datos de EAPN-Galiza destacan que "364.814 galegas e galegos reciben unha pensión cun importe inferior ao mínimo considerado para non ser pobre (721 euros ao mes), 47,4% do total". Así, incrementouse o número de persoas pobres neste grupo de idade en 8.515 no último ano.

EAPN-Galiza apunta que "no caso das persoas maiores, tras analizar os datos, hai que destacar que o comportamento da taxa de pobreza é algo diferente". A este respecto, afirma que "como se explicou en informes anteriores, os seus ingresos están fortemente determinados polo importe da pensión que reciben, que é relativamente constante e, por tanto, a súa taxa de pobreza específica é máis dependente das modificacións do limiar que dos seus propios ingresos".

A variábel territorial está, tamén, presente nesta realidade. Neste liña, 12.352 familias con ingresos inferiores a 600 euros ao mes residen en concellos de menos de 10.000 habitantes. Ao tempo, outros 8.717 fogares con ese nivel de renda teñen emprazado o seu domicilio en municipios cunha poboación entre 10.000 e 20.000 habitantes. Na mesma dirección, 5.673 núcleos familiares con retribucións análogas viven en poboacións de entre 20.000 e 50.000 habitantes e 16.609 en cidades de máis de 50.000 residentes.

As rendas familiares derivan da estrutura produtiva das diversas zonas. Así, naquelas comarcas onde a actividade agraria ten un peso máis determinante na economía, de forma moi particular nas áreas rurais, os ingresos dos fogares son inferiores, sendo máis elevados naqueles territorios con maior presenza da industria.

A pobreza é unha realidade tan presente como invisíbel na Galiza. A este respecto, 182.951 galegos e galegas atópanse en pobreza severa. Segundo EAPN-Galiza, nesta categoría inclúense aquelas persoas que viven en fogares cuxos ingresos por unidade de consumo son inferiores en 40% á media da renda estatal. Neste sentido, o limiar de renda utilizado en 2022 para considerar que un fogar está en pobreza severa é de 560 euros por unidade de consumo ao mes. 

As cifras de pobreza severa na Galiza responden a razóns de carácter estrutural. A este respecto, desde EAPN no Estado español afírmase que "avisa da consolidación dunha bolsa de pobreza estrutural formada por unha parte da poboación que estaba xa no abandono antes da pandemia".

A desigualdade en máximos históricos

As rendas do capital marcaron máximos en 2022. Se no ano 2000 estas situáronse en 54,2% do PIB e en 2009 rexistraron a súa cifra máis baixa, 52%, desde esa anualidade asístese a unha perda constante da participación das persoas asalariadas na renda nacional, chegando a perder nos últimos 13 anos catro puntos porcentuais. Segundo o economista Thomas Piketty, esta variábel é o principal indicador para medir a desigualdade