O ingreso mínimo vital poderá solicitarse a partir desta segunda feira

O ingreso mínimo vital poderá solicitarse a partir desta segunda feira 15 de xuño [Imaxe: Marta Fernández / Europa Press].
O prazo para solicitar o ingreso mínimo vital, a nova prestación aprobada polo Goberno estatal para "reducir o nivel de pobreza e exclusión", abre esta segunda feira, 15 de xuño.

Esta segunda feira 15 de xuño iníciase o prazo para solicitar o ingreso mínimo vital, a nova prestación aprobada polo Goberno estatal para "reducir o nivel de pobreza e exclusión", segundo informou o Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións.

A solicitude debe realizarse a través da sede electrónica da Seguridade Social e, cando a situación sanitaria o permita, tamén se poderá efectuar nos Centros de Atención e Información da Seguridade Social (Caiss).

As solicitudes que se presenten durante os 3 primeiros meses serán recoñecidas con efecto retroactivo desde o 1 de xuño. Despois deste prazo, o dereito á prestación do ingreso mínimo vital nacerá a partir do primeiro día do mes seguinte ao da data de presentación da solicitude.

As persoas solicitantes que resulten beneficiarios da nova axuda recibirán unha mensaxe do Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS). As e os cidadáns pódense informar a través da páxina web da Seguridade Social (http://www.seg-social.es) e mediante o novo asesor virtual, ISSA.

Así mesmo, a través dunha ferramenta de simulación pódese comprobar se se cumpren os requisitos para acceder a esta prestación, e hai habilitada unha liña de teléfono para realizar consultas concretas (900 202 222), que a próxima semana comezará a funcionar tamén en horario de tarde.

O INSS recoñecerá de oficio a prestación a case 75.000 familias que xa reciben a asignación de menor a cargo e que cumpren cos requisitos estabelecidos na Lei. Estes beneficiarios recibirán unha mensaxe e unha resolución onde se explica a súa concesión. Ademais, percibirán o primeiro pago do Ingreso Mínimo Vital o próximo 26 de xuño, case un mes antes do que correspondía.

O ingreso mínimo vital estabelece un nivel de renda garantizábel diferente para cada tipo de fogar e completará as rendas preexistentes (entre outras, as salariais), até ese limiar garantido para cada tipoloxía que, no caso dos fogares unipersoais, é de 5.538 euros ao ano, o equivalente a unha pensión non contributiva, que se distribuirá en doce pagas.

Requisitos para acceder á renda

O primeiro requisito para acceder á nova renda será o da vulnerabilidade económica. Tamén haberá que solicitar as prestacións e pensións ás que puidese ter dereito.

Haberá unha persoa titular por unidade de convivencia, que deberá ter entre 23 e 65 anos, salvo nos casos en que se conte con menores a cargo, nos que non haberá requisito de idade. Se a persoa solicitante vive soa, terá que acreditar que leva 3 anos vivindo de maneira independente dos seus proxenitores e terá que estar de alta en calquera dos réximes da Seguridade Social durante polo menos doce meses.

Se as persoas solicitantes viven integradas nunha unidade de convivencia, esta terá que levar constituída polo menos un ano á presentación da solicitude. Para todos as solicitantes requirirase polo menos un ano ininterrompido de residencia legal e efectiva en España, excepto nas situacións de violencia de xénero, trata e explotación sexual.

Para que lle sexa recoñecida a prestación, o fogar debe ter uns ingresos totais inferiores á renda garantida para o seu tipo de unidade de convivencia. Ademais, esixirase un patrimonio (descontando a vivenda habitual) inferior a 3 veces a renda garantida anual para un fogar unipersoal, cunha escala de incrementos por número de membros no fogar.

Para o recoñecemento da prestación teranse en conta os ingresos do ano inmediatamente anterior, aínda que para atender as situacións de vulnerabilidade xeradas pola pandemia de COVID-19, tamén se poderá recoñecer para solicitudes cursadas durante 2020 tendo en conta a situación de ingresos deste ano. No caso de que a persoa titular non estea ocupada, esixirase a inscrición como demandante de emprego para o acceso á prestación.

Que documentación se necesita para a súa solicitude?

Para solicitar o ingreso mínimo vital será necesario o DNI ou NIE; a inscrición no rexistro central de persoas estranxeiras, tarxeta de residencia de familiar de cidadanía da UE ou tarxeta de identidade de persoas estranxeiras; certificado de empadroamento onde consten todas as persoas empadroadas no domicilio e a data de antigüidade; e o libro de familia, certificado de nacemento do rexistro civil dos fillos e das fillas, ou inscrición no rexistro de parellas de feito.