Xustiza

Ingresan no cárcere de Monterroso os ex futbolistas da Arandina condenados por violar unha menor

Os tres condenados, chegando aos xulgados para coñecer a sentenza, en decembro de 2019. (Foto: Europa Press)
Aos xogadores coñecidos como Lucho e Viti impuxéronlles penas de nove anos de cárcere por agredir sexualmente unha rapaza de 15 anos en 2017.

Os ex futbolistas do Club Deportivo Arandina Carlos C.S. ('Lucho') e Víctor R. ('Viti'), que foron condenados a penas de nove anos de cárcere por un delito de violación no denominado 'Caso Arandina', atópanse xa cumprindo as súas respectivas condenas internos no centro penal de Monterroso, na comarca da Ulloa, segundo veñen de informar á axencia Europa Press fontes coñecedoras do caso. A vítima era unha rapaza de 15 anos e a agresión produciuse en 2017.

O seu ingreso prodúcese en execución da condena ditada en novembro do pasado ano polo Tribunal Supremo, que sentenciou a 9 anos de cárcere os dous ex xogadores, o que supuxo elevar as súas penas —desde os 4 e 3 anos que fixara o Tribunal Superior de Xustiza de Castela e León— após eliminar unha atenuante ao estimar o recurso de Fiscalía, malia que non integramente, porque o Ministerio Público pedía 10 anos de condena e o Supremo deixouno nun ano menos pola aplicación da Lei do 'só si é si'.

A Audiencia de Burgos, en virtude dun auto de data 20 de marzo, dera orde de ingreso en prisión dos dous ex futbolistas, aos que dera prazo de dez días desde a notificación do mesmo, e ofrecíaselles a posibilidade de facelo voluntariamente no penal que elixisen, segundo explicou o letrado da Asociación Clara Campoamor, Luis Antonio Calvo, quen figurou na causa como acusador popular.

Despois de coñecer en novembro do pasado ano a resolución do Supremo, xa anunciara a súa pretensión de solicitar a execución inmediata da mesma para que 'Lucho' e 'Viti' ingresasen en prisión para empezar a cumprir a pena, xa que até a data atopábanse en situación de liberdade provisional.

Na última sentenza do Tribunal Supremo os maxistrados estimaron o recurso da Fiscalía e as acusacións e agravaron as penas aos dous condenados no 'caso Arandina' ao suprimir unha atenuante analóxica que aplicara previamente o Tribunal Superior de Castela e León.

O tribunal, con todo, impuxo aos condenados unha pena inferior á que correspondería antes da reforma impulsada polo Ministerio de Igualdade, ao ser agora menor a penalidade nun ano de prisión neste caso concreto. Así, o Supremo acordou neste caso aplicar a lei en beneficio do reo.

A decisión da Sala do Penal contou co voto particular do maxistrado Ángel Luis Hurtado, quen entendeu que se debía manter a atenuante analóxica que xa aplicara o TSX castelán-leonés, cunha leve redución de penas ao considerar tamén máis beneficiosa a nova lei.