Ingresan no Álvaro Cunqueiro tres tripulantes do pesqueiro Manuel Laura por Covid

A embarcación arribou ao porto de Vigo esta terza feira despois de dous días de travesía dende o Gran Sol tras denunciar "negación de auxilio" e a súa expulsión de Irlanda unha vez confirmado un positivo a bardo.

Tres dos 12 tripulantes do pesqueiro de capital galego e bandeira británica 'Manuel Laura' foron ingresados no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo afectados por coronavirus, mentres que o resto permanece a bordo e en corentena.

Segundo informaron fontes sanitarias, dos nove tripulantes que seguen dentro da embarcación tres mariñeiros deron negativo na proba PCR que lles realizou o equipo desprazado até o peirao e os demais foron positivos.

As mesmas fontes sinalaron que os tripulantes que non precisaron hospitalización permanecen a bordo e illados.

Expulsado de Irlanda

O 'Manuel Laura, cuxa tripulación é maioritariamente da zona do Morrazo, atracou na tarde desta terza feira no porto de Vigo, procedente de Irlanda, de onde foi expulsado por un caso de Covid-19 positivo e outro probábel.

Como avanzou Nós Diario, tras coñecer os feitos, a central sindical CIG denunciou o que considera "denegación de auxilio" e o "incumprimento do regulamento sanitario internacional", motivo polo que tamén solicitou tanto a Xunta como a Administración do Estado que investiguen o acontecido e adopten "medidas contundentes contra Irlanda". 

O 'Pinto Ladra', amarrado en Celeiro

Doutra banda, os dez tripulantes do barco 'Pinto Ladra', con base no porto de Celeiro no municipio de Viveiro, atópanse "ben" tras dar positivo por Covid-19 e verse obrigados a amarrar a embarcación no porto.

Tamén explicaron que son dez os tripulantes afectados e que desde o domingo pasan a enfermidade nos seus domicilios, a maioría deles no municipio de Viveiro.

Só o patrón e outro mariñeiro do barco, deron negativo, e están á espera da recuperación do resto da tripulación para retomar o traballo na embarcación.