Un informe testemuña un mínimo de 23 persoas torturadas en Galiza no 2015

Un documento da Coordenadora para a prevención e denuncia da tortura advirte da persistencia da práctica. A CPDT - da que fan parte organismos galegos como Esculca e Xustiza e Sociedade- sinala que no noso país aumentaron o número de persoas qiue sofreron esta práctica.

Un mínimo de 23 persoas sofreron torturas en Galiza durante 2015 en 12 situacións, cada unha delas afectando a unha ou máis persoas. Son dados do informe 'A Tortura no Estado español' que elabora a CPDT,Coordenadora para a prevención e denuncia da tortura, unha plataforma que agrupa por volta de 50 entidades e colectivos, entre eles os galegos Esculca e 'Xustiza e Sociedade'. A nivel de Estado, o informe fala dun mínimo de 232 persoas que sofreron estas prácticas no ano pasado. Este mesmo organismo recollía no seu informe de 2014 que en Galiza se deran 12 destas situacións, que afectaran 21 persoas. Mantense, pois, o número en 2015 mais aumentan as persoas que padeceron estas prácticas. Somos, após Euskal Herria, Madrid e Andalucía, o territorio do Estado onde máis testemuños de tortura se recollen neste documento.

A Coordenadora lembra que no informe non se inclúen todas as denuncias de tortura e maos tratos recibidas. Varias ficaron fóra do relatorio por petición das propias persoas afectadas e outras porque a información non puido ser contrastada. Aliás, un número importante destas situacións non sequer é denunciada, indica a CPDT.

As torturas e maos tratos producíronse sobre persoas que estaban baixo custodia de funcionarios, en comisarías ou prisións, ou durante actuacións das Forzas de seguridade do Estado en diferentes situacións (por exemplo, en mobilizacións).

Mortes baixo custidia policial

A CPDT indica no seu informe que en 2015 contabilizáronse un total de 30 mortes de persoas mentres estas estaban baixo custodia das forzas de seguridade ou de persoal de prisións e CIE (Centros de internamento de extranxeiros) ou ben durante intervencións policiais. “Desde o 1 de xaneiro de 2001 até o 31 de decembro de 2015 tivemos constancia directa de 616 falecementos nestas circunstancias”.

Desde Esculca apontan que “un dato importante son as 95 sentenzas a que tivo acceso a CPDT, das que 43 son condenatorias e 52 absolutorias, sendo un total de 68 funcionarios os que foron condenados pola comisión dalgún tipo de tortura, malos tratos, lesións e/ou atentado contra a integridade física das persoas durante o desempeño das súas funcións no Estado español”.