Ensino

O informe PISA reflicte unha mellora en matemáticas e lectura

O último informe PISA, dado a coñecer esta terza feira, pon de manifesto que alumnado galego de 15 anos mellora cinco puntos en matemáticas a respeito do informe anterior, de 2012; sobe 10 puntos en lectura e mantense en ciencias.

Véñense de dar a coñecer os dados do último informe de Programa para a Avaliación Integral de Alumnos de 2015 (PISA, polas súas siglas en inglés) e as cifras a respeito de Galiza experimentan unha mellora. Así, o rendemento do alumnado galego de 15 anos increméntase en 10 puntos a respeito da competencia lectora (509 puntos) e cinco puntos a respeito da competencia en matemáticas (494 puntos) de atendermos ao informe anterior, de 2012. En cambio, mantense en ciencias (512 puntos).

A nivel estatal, o alumnado galego obtén rendementos superiores nos tres indicadores

As probas realizáronse no segundo semestre de 2015, cando aínda non se implantara a LOMCE na ESO, que é a etapa en que se atopaba o estudantado analizado. En total, realizáronselle probas a 37.000 alumnos e alumnas dun total de 980 centros de todos os territorios do Estado español. A nivel estatal, o alumnado galego obtén rendementos superiores nos tres indicadores.

O país mellor clasificado nas tres áreas é Singapur, que fica con 556 puntos en ciencias; 564, en matemáticas e 535 en lectura. Na primeira das competencias, séguelle o Xapón (538) e Estonia (534). En matemáticas, Hong Kong (548 puntos) e o Xapón (532). E en lectura, Hong Kong e o Canadá (ambos os dous con 527) e Finlandia (526).