O informe pericial do Pitanxo apunta un "erro humano" do capitán como causa do naufraxio

Persoal forense traslada un dos mariñeiros falecidos no naufraxio do 'Vila de Pitanxo'. (Foto: Paul Daly/Europa Press)
Segundo o documento, Juan Padín puxo "en grave risco a seguridade do barco e dos tripulantes".

O informe pericial elaborado tras analizar as imaxes da baixada ao pecio do 'Vila de Pitanxo' desmontarían a versión do capitán do barco, Juan Padín, apuntando cara a un "erro humano" do mariñeiro como "causa máis probábel" do afundimento do buque.

As conclusións deste documento, ás que tivo acceso Europa Press, sinalan que, de acordo a "datos obxectivos" e ás circunstancias analizadas, "conclúese que a causa máis probábel do afundimento do buque foi un erro humano do capitán, pola falta de percepción cabal do risco de afundimento que supoñía a manobra que realizou para librar o embarre do aparello do fondo mariño".

Segundo o informe, Padín puxo en "grave risco a seguridade do buque e os seus tripulantes" ao realizar esa manobra, "coa mar e o vento de popa e a tolva de descarga de desperdicios aberta".

En segundo lugar, os peritos consideran un factor contribuínte do accidente a demora coa que o capitán deu a orde de abandono do buque á tripulación, "o que condicionou que puidesen realizar o abandono de forma ordenada e con algunha probabilidade de éxito".

O texto explica que outro factor chave sería a "falta de familiarización dos tripulantes coas súas obrigacións e funcións atribuídas no cadro orgánico para situacións de emerxencia", ademais de co uso de dispositivos de salvamento. Isto, a xuízo dos expertos, "pon de manifesto a falta de formación a bordo e a falta de realización de exercicios periódicos de abandono de buque".

A ausencia dunha escaleira en estribor, desde a cuberta superior á cuberta de oficiais, tamén sería outro factor contribuínte á traxedia, xa que sería un "medio rápido de evacuación desde a cuberta exposta á intemperie e á mar cara ás balsas salvavidas".

"En quinto lugar, considérase factor contribuínte do accidente as adversas condicións marítimas e meteorolóxicas que había no lugar que, aínda que non eran dunha extrema dureza como para aconsellar pórse á capa en espera dunha melloría, sen dúbida dificultaron a manobra para librar o embarre", engaden as conclusións.

As familias das 21 vítimas mortais celebraron este informe, apuntando que "lles dá a razón", agradecendo aos medios de comunicación o seu apoio xa que, segundo dixeron, sen a prensa non se conseguiu que finalmente se baixase ao barco o pasado mes de maio.