Xustiza

O informe pericial da Policía ratifica que non se poden obter datos do móbil de Déborah Fernández Cervera

Concentración en Vigo en decembro de 2021 contra a "impunidade" no 'caso Déborah'. (Foto: Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press)
O teléfono de Déborah estivo desaparecido durante case 20 anos e, de forma casual, foi localizado en setembro de 2022 durante a realización dunhas obras en instalacións policiais de Madrid. O móbil apareceu daquela, porén, sen a tarxeta SIM.

O xulgado de instrución 2 de Tui (Baixo Miño) recibiu xa o informe pericial elaborado pola Policía Nacional en relación ao teléfono móbil da moza Déborah Fernández Cervera, cuxo cadáver apareceu nunha gabia rodeado de pistas falsas en maio de 2002, e confirma o que xa se esperaba, que é imposíbel obter información sobre contactos, chamadas ou mensaxes dese terminal. O teléfono de Déborah estivo desaparecido durante case 20 anos e, de forma casual, foi localizado en setembro de 2022 durante a realización dunhas obras en instalacións policiais de Madrid. O móbil apareceu daquela, porén, sen a tarxeta SIM.

Xa os peritos da empresa Lazarus Tecnologies advertiron no seu momento das dificultades de obter algunha información válida sen esa tarxeta, tendo en conta as características do teléfono. Ese extremo foi corroborado polos peritos policiais nun informe, asinado en setembro de 2023, pero que non foi remitido ao xulgado de instrución até hai un par de semanas.

Este feito levou a familia de Déborah a mostrar a súa "indignación", e tamén polo feito de que o informe policial conste de "só nove liñas, e sen dar explicacións das actuacións levadas a cabo". Ademais, lembraron os letrados da familia, esas comprobacións por parte da Policía realizáronse sen permitir a presenza dos peritos das partes.

Toma de mostra de ADN

Por outra parte, o xulgado confirmou que se procederá a tomar novas mostras de ADN do único investigado nesta causa, o ex mozo de Déborah, aínda que, explicou a familia, de novo o trámite realizarase sen permitir a presenza dos seus letrados.

Esta proba foi pedida no seu día pola familia, xa que a obtención de ADN realizada en 2002 "era de todo punto irregular, pois non había dato fidedigno ningún de que fose a el" a quen se lle tomara a mostra. Ademais, en 2010 tomouse outra mostra que, "ou ben non se remitiu ao Instituto Nacional de Toxicoloxía, ou ben o resultado non se uniu ás actuacións, pois non consta".

A familia, en calquera caso, pediu renunciar a esa dilixencia —algo ao que non accedeu o xulgado—, pois sostén que non haberá coincidencia co ADN atopado no seme que Déborah tiña no seu corpo, colocado 'post mortem', e no pano achado xunto ao cadáver. "Ao noso xuízo, púxose ese seme para despistar, como proba de descargo", incidiron os avogados.

Nos últimos días, o xulgado acordou prorrogar a instrución outros seis meses, precisamente para que levasen a cabo estas dilixencias pendentes, aínda que a familia reiterou a súa petición de que se arquive a causa, após décadas de "malos tratos" do sistema de xustiza.