A CIG leva á Inspección o caso compostelán

Sanidade culpa o persoal sanitario do surto no ambulatorio de Vimianzo

Centro de saúde de Vimianzo.

A CIG-Saúde nega que o surto de Covid-19 detectado no centro de saúde de Vimianzo, cun total de 11 positivos confirmados no cadro de persoal, segundo cifras dos sindicatos, se daba á “falta de precaución” das súas traballadoras e traballadores.

Nun comunicado, após reunirse cos profesionais do centro, a central nacionalista asegura que non foi “un contaxio na sala de descanso”.

Neste sentido, a CIG acusa a Xerencia da área sanitaria da Coruña-Cee de “culpabilizar” os profesionais da “falta de recursos” e de material de protección en Atención Primaria, polo cal pide “unha desculpa pública”.

A CIG-Saúde pon de manifesto que as informacións que apuntan á sala de espera “non concordan co ocorrido no centro”, como tampouco concorda “a falta de precaución por parte dos e das profesionais”, a quen se tacha, advirte, de “irresponsábeis fronte á poboación do municipio”.

Trátase, di a CIG-Saúde, dunhas afirmacións “inaceptábeis” que lle dan á poboación “unha imaxe errónea da actividade que fan os sanitarios e sanitarias no centro medio”.

Días antes de detectaren os contaxios, o persoal sanitario xa alertara da “alta carga de traballo” que padecía.

“Non só non se lles deu solución e se lles seguiu sobrecargando, senón que agora se lle transmite á poboación unha mensaxe de profesionais que non atenden e que se contaxian na sala de descanso”, afirma a CIG.

Denunciada ante Inspección a Xerencia de Compostela

Por outra banda, a CIG-Saúde de Compostela vén de presentar denuncia perante a Inspección de Traballo contra a xerencia da área sanitaria de Santiago e Barbanza polo incunprimento sistemático dos protocolos do Ministerio de Sanidade, ao non dispor, entre outras cuestións, de persoal diferenciado para zona Covid e non Covid, “convertendo o persoal en vector de transmisión da SARS-Cov-2 a doentes e outro persoal da zona non Covid”.

O sindicato demanda a adopción de medidas preventivas de carácter organizativo e que se estabelezan os plans de continuidade necesarios para a previsión de baixas laborais do persoal da UCI de adultos do hospital Clínico “ante o esgotamento tanto físico como psíquico que está a padecer”.

Xabier Alvedro, delegado da CIG, lembra que o persoal xa denunciara, mesmo con mobilizacións no mes de xuño, a problemática que se dá na UCI de adultos. “Daquela chegárase a un acordo coa xerencia para a remodelación estrutural da UCI para mellorar así as súas condicións de traballo”.

Alvedro afirma ademais que non hai organización no traballo, nin planificación ante o aumento de casos e a previsión de baixas laborais, nin formación para persoal ou previsión de aumentar o número de traballadores na unidade.

“A Xerencia argúe sempre que non hai xente dispoñíbel nas listas de contratación e o persoal está completamente esgotado física e psiquicamente malia o que se ve obrigado, nalgún caso, a dobrar quendas de traballo ante a imposibilidade de dar relevo”, salienta.