Información ambiental nos medios: o foco no puntual máis que no fondo

Manifestación contra a mina de Touro e O Pino na compostelá praza do Obradoiro (Imaxe: Europa Press).

O Cerna-Barómetro avalía a comunicación en temas ambientais nos medios de comunicación.

Cerna-Barómetro é unha iniciativa do Proxecto Cerna de Adega que procura avaliar a comunicación dos temas ambientais nos medios durante un ano natural. Un proxecto que procura analizar o tratamento de determinados tópicos relacionados co medio ambiente nos medios de comunicación con presenza en Galiza. “Tentamos radiografar que temas ambientais son máis tratados e cando aparecen para aproximarnos ás inquedanzas ambientais da sociedade a través dos medios e tirarmos conclusións para facer máis efectivo o traballo das ONGs ambientalistas”. O Cerna-Barómetro conta co apoio da Área de Cultura da Deputación provincial da Coruña.

Atendendo ao número de rexistros anuais por temática, obsérvase que a categoría con máis rexistros é a de “residuos e contaminación”, con 1054, 16,16% do total, seguida moi de perto por “enerxía e clima”, con 1042 entradas. En 2019, a problemática coa mina de Touro e os vertedoiros de refugallos, así como a celebración da Cimeira do Clima en Madrid colocaron estas dúas categorías entre as máis tratadas nos medios.

O tópico "Biodiversidade e conservación" con 862 rexistros (13,21%), especialmente polos conflitos coa da caza, as especies invasoras (Vespa velutina) e a xestión dos espazos naturais (polémica co exceso de visitates ás Illas Atlánticas) está tamén entre os que máis novas produciu. Os lumes (categoría "montes e forestal") rexistran tamén bastantes entradas neste ano (752), particularmente nos meses de marzo e setembro.

Pola contra, entre as categorías de noticias menos frecuentes nos medios ao longo de 2019 figuran as relacionadas coa conservación da nosa cultura e patrimonio (394, 4,96%).

Os intereses mediáticos, explica Cerna, seguen centrados “arredor daquelas temáticas que xeran unha ampla controversia e que amezan directamente á nosa calidade de vida: a contaminacion ambiental e a mudanza climática fundamentalmente, e en menor medida, as problemáticas da conservación das especies (invasoras e xestión dos espazos protexidos). Porén, este maior interese céntrase máis en cuestións puntuais que de fondo: o conflito social por unha mina, en troques da xestión de determinados procesos industriais e as súas alternativas; ou a celebración da COP 25 e o activismo climático, en lugar dos problemas que a mudanza climática xa está a crear e para os que as solucións seguen sen chegar”.

Seguen tendo tamén unha ampla cobertura temáticas estacionais como os lumes forestais, dos que se observa en 2019 unha clara desestacionalizacion (ou re-estacionalización) con importante presenza nos meses finais de inverno e primavera, ademais de finais do verán.  

Adega salienta tamén o que considera como unha “relativa baixa cobertura das noticias relacionadas coa auga e os ríos, o litoral e o patrimonio cultural e arqueolóxico, malia a sermos un país cunha ampla rede fluvial, extensa costa e rico acervo histórico e arqueolóxico”.