A infinita riqueza do entroido galego

[Imaxe: Santos] O domingo corredoiro en Xinzo

Poucas celebracións galegas teñen a forza expresiva e a riqueza de matices do entroido. Cita chave do calendario festivo, o entroido é, ademais, un dos elementos máis antigos da cultura do país, aínda que haxa, a día de hoxe, diversas teorías ao respecto. No que todo o mundo concorda é na espectacularidade da festa e na necesidade, alén de mantelo vivo no futuro, de recoñecer e asentar os rituais que explican a súa existencia. Eis un extracto da reportaxe publicada no número 336 de Sermos Galiza.

O entroido galego ten múltiples facianas, multitude de manifestacións e detalles; case tantos como concellos e parroquias, nomeadamente as rurais, que foron quen de preservar as formas tradicionais e que, como explica o museólogo Felipe-Senén, foron nutríndose ao longo dos séculos de influencias alleas, nunha viaxe de ida e volta que moldeou o entroido de hoxe.

 

Existe unanimidade a respecto do que significa o entroido para Galiza. Creación cultural, reserva patrimonial, fonte de ingresos a través do turismo… Todo isto representa hoxe esta celebración. Menos acordo hai no referido ás orixes. Para algúns, como é o caso do propio Felipe-Senén, hai que buscalas no Neolítico, “cando o ser humano adquire esa conciencia colectiva e empeza a domesticalo todo e a celebrar o almanaque con festas de carácter agrario en relación cos equinoccios e cos solsticios. Logo, cada época, cada influencia cultural, ben por relacións, ben por invasións, foi achegando os seus contributos”.

 

Desa liña partilla tamén Rafael Quintía, presidente da Sociedade Antropolóxica Galega. “É unha celebración que se estende por toda Europa, mesmo nos seus lindes –recalca–, pois hai entroidos en Oriente Medio e mascaradas similares no norte de África. É un fenómeno que, ademais, coincide no tempo co paso da invernía á primavera, polo que posibelmente na súa orixe tivese que ver cos ritos de expulsión do inverno, da xeración da terra e cos procesos de rexeneración… Como fenómeno cultural tan estendido xeográfica e cronoloxicamente, vai mudando, vaise conformando, vai incorporando elementos novos, con influencia do cristianismo, obviamente”.

 

Punto de discordia

 

E aquí está a discordia. Desde hai anos, o profesor Xosé Ramón Mariño Ferro vén insistindo no papel fundacional do cristianismo. “Ninguén pode ignorar que o entroido se opón á coresma. Nel faise todo o que estaba prohibido na coresma: comer e beber moito, falar de asuntos sexuais, cancións picantes… E se algo temos claro é que a coresma non é anterior ao século IV, así que dificilmente o entroido pode ser anterior”. Mariño Ferro explica que “non hai ningunha festividade do paganismo que se pareza ao entroido. A única que ten algo, porque nelas se dá tamén unha inversión de papeis, son as Saturnais, a finais de decembro, pero non deron lugar ao entroido, senón aos Santos Inocentes, onde tamén se facían algunhas cousas ao revés”. “O que ocorre”, engade, “é que o cristianismo, para desacreditar o paganismo, deu unha imaxe del como relixión de excesos, borracheiras, orxías… E o entroido parécese á deformación do paganismo que fixeron os mesmos cristiáns, pero non había nada no paganismo que se parecese ao entroido. En realidade é un equilibrio entre a coresma, na que hai moita penitencia, e o entroido, no que hai caos e excesos”.

 

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 336 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]