Editorial #sermos272

Inermes ante outro Prestige

Imaxe do Prestige tomada pola Armada española

O maior atentado medioambiental que sofreu Galiza evidencia o abandono ao que secularmente nos someteu o Estado español. Un Estado que non viu depuradas as súas responsabilidades penais no que foi a transformación dun sinistro marítimo na maior catástrofe ambiental que padeceu a nación.

 

A xestión do Prestige deixou ao descuberto o desleixo e a falta de previsión cos que o Goberno central aborda todo o relacionado coa protección das costas galegas, daquela e agora. A Xunta, pregada aos intereses do Partido Popular da man de Manuel Fraga, tamén actuou entón de maneira irresponsábel e incompetente. Como actúa hoxe, da man de Núñez Feijoo canto á principal materia pendente como é o traspaso de competencias a Galiza en materia de Salvamento Marítimo e a Loita contra a Contaminación Mariña. Tamén é necesario un plano de continxencias adaptado á realidade galega, pois co actual, feito ás présas en 2012, a Xunta renunciou a designar portos refuxio; a loitar contra os sentinazos ou a dotar dunha base loxística a Costa da Morte, por onde cada ano pasan 40 mil mercantes, case 13 mil deles con mercadoría perigosa.

 

Mais está Galiza preparada 15 anos após para outro Prestige? Non, pois seguen a existir importantes deficiencias que impedirían unha resposta efectiva. Só nos salvaría doutro Prestige a dignidade do pobo. O espírito presente do Nunca Máis.