Análise

A inequidade en saúde mental

As condicións de vida adversas incrementan o risco de mala saúde mental. (Ilustración: Álex Rozados)
A psicóloga clínica Rosa Cerqueiro prosegue o ciclo de análises de 'Nós Diario'.

Alcanzar a equidade en saúde significa que as persoas poidan desenvolver o seu máximo potencial de saúde independentemente dos determinantes sociais aos que se ven sometidas. A OMS salienta a urxencia de promover as accións necesarias destinadas á eliminación das "desigualdades evitables" como poden ser condicións laborais e de vida non saudables, exposición á pobreza ou a falta de acceso á atención sanitaria e outros servizos básicos.

As políticas públicas, sanitarias e sociais, non conseguiron ata o momento reducir de forma relevante as desigualdades en saúde. No eido da saúde mental, o atraso na planificación sanitaria é ostensible, sostido por unha visión bioloxicista sobre a enfermidade mental, e a medicalización como resposta case exclusiva. Porén, existe forte evidencia sobre a influencia dos determinantes sociais nos problemas de saúde mental.

Un informe do Ministerio de Sanidade sobre saúde mental utilizando a base de datos clínicos de atención primaria, resaltan dous trazos comúns na maioría dos diagnósticos psiquiátricos.

O primeiro deles é a fenda de xénero na maior parte dos problemas de saúde mental. A porcentaxe nas mulleres duplícase nos problemas de ansiedade, de adaptación, fobias ou psicoses afectivas. Triplícase nos trastornos depresivos e son sete veces maiores nos trastornos alimentarios.

Na infancia, un maior número de nenos reciben diagnósticos de saúde mental (sobre todo comportamentais), pero este patrón invértese coa idade ata chegar a ser o dobre de mulleres que de homes. Podería reflectir a expresión sintomática dos roles de xénero desde idades moi novas. En calquera caso, toda aproximación ao estudo de xénero ten que incorporar a interseccionalidade (xénero, pobreza, racialización...).

O consumo de psicofármacos dispárase a medida que diminúe a renda, sobre todo no caso das mulleres

O segundo trazo común é o gradiente social; os problemas de saúde mental aumentan conforme diminúe o nivel de renda, moi acusado na psicose (12 veces máis en rendas baixas), nos trastornos de personalidade (11 veces máis), e nos trastornos de ansiedade ou depresivos (entre 2 e 3 veces). Na infancia e adolescencia tamén aparece este gradiente social (case o dobre nos problemas de aprendizaxe e de comportamento).

O gradiente social tamén está presente na prescrición de psicofármacos, de tal xeito que o consumo dispárase a medida que diminúe a renda, sobre todo no caso das mulleres.

Precariedade laboral

A crise económica iniciada en 2008 tivo efectos aínda non superados sobre a saúde mental, moi estreitamente relacionados coas condicións do mercado laboral (o desemprego, a precarización ou a caída das rendas laborais) tal e como apunta no informe de 2020 da Sociedade Española de Saúde Pública e Administración Sanitaria.

Podemos observar o efecto das desigualdades socioeconómicas nas persoas con discapacidade psicosocial. Segundo datos da enquisa de poboación activa de 2020, a taxa de emprego en Galicia para persoas sen discapacidade está preto do 67% fronte ao 24% para as persoas cunha discapacidade recoñecida. A desvantaxe agrávase no caso das persoas con discapacidade psicosocial, xa que soamente traballan un 14,8% delas fronte o 35,1% no caso da discapacidade sensorial, o 29,6% da discapacidade física ou do 21,2% da discapacidade intelectual.

E cando traballan, as condicións de precariedade son maiores, con salarios un 15% menores con respecto á media dos salarios das persoas con discapacidade en xeral, que xa son máis baixos con respecto aos das persoas sen discapacidade recoñecida.

As condicións de vida adversas incrementan o risco de mala saúde mental

A relación entre condición socioeconómica e saúde mental é bidireccional. As condicións de vida adversas incrementan o risco de mala saúde mental. Á súa vez, a presenza dun trastorno mental implica un maior risco de exclusión social, sobre todo a idades mais novas: pola quebra inicial da traxectoria formativa ou laboral, e as dificultades para recuperala; polos obstáculos para a emancipación e a vida independente; pola ruptura de vínculos sociais máis aló das familias; polos procesos de discriminación e marxinación que entran en xogo.

Por iso é moi preocupante o aumento no número de persoas con discapacidade psicosocial recoñecida, moi especialmente na infancia e xuventude. Entre os anos 2017 e 2021, dáse un aumento do 137% nos menores de 15 anos, e do 95% entre os 16 e os 29 anos. O efecto é previo á pandemia e pode ter relación coas necesidades económicas, laborais ou educativas que se intentan cubrir (moi parcialmente) a través do sistema de protección social que facilita o certificado de discapacidade. Son medidas paliativas cando se actúa ao final da cadea, pero sen efectos relevantes na prevención das desigualdades en saúde. E para empeorar a situación, a Atención Primaria, depauperada tras anos de desleixo interesado, ten máis difícil soster unha atención de cobertura universal, accesible e equitativa.