A industria portuguesa do eucalipto sitúa na Galiza tres plataformas loxísticas

Instalacións da pasteira lusa Navigator.
Dispón xa de 32 unidades de xestión por diferentes comarcas galegas.

O terreo na Galiza xestionado pola industria pasteira portuguesa aumentou 70% nun só ano, entre 2020 e 2021. Un período no que tamén incrementaron as plantacións de eucalipto en territorio galego en aproximadamente 130%. Datos que figuran no propio relatorio que The Navigator —a antiga Portucel, a principal pasteira portuguesa— remitiu aos seus socios e accionistas e que mostran como Galiza é unha aposta a serio para esta industria.

Outro exemplo dese interese é que sitúa na Galiza tres parques loxísticos: na Coruña, en Ferrol e na Susana-Santiago. Son puntos onde se entrega o eucalipto recollido nas 32 unidades de xestión que Navigator ten por diferentes comarcas galegas, principalmente no sur do país. Desde esas plataformas envía a madeira ás factorías que a pasteira ten en Portugal.

Presenza de vello

The Navigator opera na Galiza coas filiais Navigator España S.A,  Bosques do Atlántico S.L e Navigator Tissue Iberica S.A. 

A entrada en vigor en 2018 da norma que impide a plantación de eucaliptos en Portugal até 2030 obrigou as pasteiras lusas a buscar novos territorios. Xa coñecían a Galiza, onde levaban tempo mercando eucalipto —compras que chegaron a atinxir hai case dez anos os 1,5 millóns de toneladas mais que ultimamente abeiraban as 300.000—, mais foi desde 2018 cando optaron por unha presenza directa. Empezaron a alugar terreos a propietarios forestais e comunidades de montes. A pasteira apostaba así, en certa medida, por reproducir a esta beira do Miño o modo de operar que tiña na marxe sur, onde xestiona máis de 100.000 hectáreas propias ou en aluguer.

As rendas que pagan a terceiros na Galiza, segundo a información do balance de contas de Navigator, superou en 2021 o medio millón de euros (508.352 euros), o que supón até 440% máis que no ano anterior. A propia empresa recoñece que a "escaseza de materia prima nacional torna cada vez máis importante a cuestión da decrecente produtividade da floresta portuguesa", polo que a Galiza cobra importancia.

Aumento constante

As plantacións de eucalipto aumentaron en 131% ao longo do ano pasado, ao que se engade 20% de incremento nas correspondentes a outras especies. A área xestionada por esta pasteira portuguesa, "toda en réxime de arrendamento", xa supera as 600 hectáreas. A Galiza produce a metade da madeira que importa Navigator para abastecer as súas factorías, as importacións (25% do volume de madeira que usa) complétanse con árbores procedentes do Brasil e do Uruguai.

Un 25% da superficie arborizada do monte galego, por volta de 422.000 hectáreas, é de eucalipto. Unha 'despensa' que atrae o interese alén das fronteiras da Galiza.