Xornadas na Coruña os días 17 e 18D

A industria musical cunha ollada feminista

[Foto tirada do twitter de MIM]

A asociación Mulleres da Industria da Música organiza unhas xornadas no Centro Cívico Cidade Vella xunto co Concello da Coruña os vindeiros 17 e 18 de decembro.

 

Estas xornadas teñen o obxectivo de crear un debate aberto e notorio sobre feminismo e industria musical. Pretenden formular estratexias de traballo efectivas para reverter a actual situación de desigualdade, dende un ángulo de profesionalización e tentando equiparar as condicións dos distintos xéneros.

 

Patricia Hermida, da asociación MIM, explica a Sermos Galiza que esta iniciativa “xurdiu dende unha oportunidade de facer un convenio co Concello da Coruña, que realmente é o motivo polo que obtemos o financiamento para propoñer esta actividade tan ambiciosa e vimos a oportunidade perfecta para realizar este desexo de sacar á luz por fin aquelas temáticas que sempre nos preocuparon”.

 

“Estamos detectando a dificultade que ten a muller para acceder a postos relevantes na industria musical”, destaca Hermida, “non só nos postos de traballo da propia industria, senón tamén, e creo que é un debate en boca de todos, na participación das mulleres nos festivais ou nas programacións. Digamos que é o que nos move a poñer toda a maquinaria en marcha e intentar facer actividades coma esta que permitan que a xente realmente sexa consciente desa falta de igualdade”.

 

Ademais, no seu programa, destaca o debate verbo do uso do corpo da muller e a cousificación. “Analizaremos se este uso do corpo é imposto ou voluntario, se é útil para conseguir un fin (chegar á música) ou si pola contra é unha barreira (chega a eclipsar á música)”.

 

Por outra banda, pretenden analizar as entidades e redes encargadas de impulsar a igualdade neste ámbito, ben como as responsabilidades nestes obxectivos de mudanza e as cotas coma vehículos artelladores nesta consecución da igualdade.

 

“Estes debates”, explican dende a asociación MIM, “pretenden ir máis aló dos clásicos discursos das mesas redondas. Pretenden poñer o foco na creación de solucións aos distintos problemas aos que se enfrontan profesionais, empresas e institucións, á hora de traballar pola igualdade efectiva”.