Indignación dos familiares dos desaparecidos do 'Pitanxo': o Executivo desiste na busca dos corpos

O pesqueiro 'Vila de Pitanxo (Foto: Ministerio de Pesca)
As familias dos falecidos lamentaron a actitude "negativa" do Goberno español e insistiron en que seguirán pedindo que se envíe un robot ao barco para analizar a situación.

Os familiares dos mariñeiros aínda desaparecidos do pesqueiro galego 'Vila de Pitanxo', afundido no mar de Terranova o pasado 15 de febreiro, mantiveron un encontro no día de hoxe co director da Mariña Mercante, Benito Núñez, e co delegado do Goberno español na Galiza, José Miñóns, no que as autoridades trasladaron que o Goberno español desiste na intención de recuperar os corpos dos mariñeiros.

Miñóns trasladou que o rescate dos cadáveres "non é posíbel", polo que o que o Executivo.estatal descartou definitivamente baixar ao barco afundido. O delegado do Goberno español afirmou que se buscaron diferentes alternativas, pero nin a recuperación do barco nin o envío de mergulladores ou un robot non tripulado "é viábel".

En canto ao director da Mariña Mercante, asegurou que o Goberno desiste na busca dos corpos e non realizará ningunha outra actuación neste sentido, xa que segundo el, a recuperación dos corpos non pode ser conseguida.

Pola súa banda, as familias dos falecidos lamentaron a actitude "negativa" do Goberno español e insistiron en que seguirán pedindo que se envíe un robot ao barco para analizar a situación.

"Dixéronnos que non ían facer nada", lamentou Kevin González, fillo dun dos mariñeiros cuxo cadáver non foi atopado. Segundo explicou, para o Goberno acceder ao buque é "imposíbel ou practicamente imposíbel", e tampouco son viábeis outras vías que se valoraron como a traer á superficie o ´Vila de Pitanxo'.