A vista da Audiencia Nacional nas redes: indignación, retranca e reivindicación de "denantes mortos que escravos"

Moitos comentarios en Twitter ou Facebook critican as visións ofrecidas pola fiscalía e a policía no proceso contra catro independentistas galego.

 

Para alén das habituais retóricas da extrema dereita que tanto oco obteñen nalgúns segmentos das redes sociais, o xuízo que está a ter na Audiencia Nacional de Madrid contra catro militantes do independentismo galego acusados de “terrorismo” tamén provocou moitas outras reaccións no twitter ou no facebook, onde resultou un éxito o hashtag que cualificaba á vista como “xuízo político” e que criticaba de xeito especial, en ocasións a base de retranca, a postura defendida pola acusación.

A afirmación por parte dun perito de que "denantes mortos que escravos" é a "firma" de RG provocou un monte de chíos

Sen dúbida, a frase que maior repercusión obtivo foi aquela na que un funcionario estatal sinalou que o histórico lema de Castelao “denantes mortos que escravos” era “a firma da organización”, en referencia á presunta banda Resistencia Galega. Segundo @RubiaArroutada en Twitter, “Castelao, membro fundacional de Resistencia Galega, destilou a Galicola nun roteiro terrorista das Irmandades da Fala”, en clara brincadeira na que tamén se fai referencia á frase que recolleu Hugo Domínguez segundo a cal a policía acusaba a independentistas galegos de facer “roteiros e camiñatas polo monte onde adoutrinan a xente”. “Isto xa é escandaloso, menudo circo de xuízo, que noxo!”, respondía nun chío.

"Ola, eu tamén me identifico coa frase de Castelao ´Denantes mortos que escravos´. Son terrorista?"

Ligar a frase que Castelao colocou no seu escudo de Galiza a unha pretensa organización armada levou a que internautas como @albacunharro reivindicasen o lema do autor de Sempre en Galiza. "Ola, eu tamén me identifico coa frase de Castelao "Denantes mortos que escravos". Son terrorista?, chiou @albacunharro.

Nun ton de denuncia, @romana_lis afirmaba que “o xuízo político que acontece hoxe na AN devólvenos a tempos da Inquisición, da persecución ideolóxica, da ditadura maquillada”. Pola súa parte, @m_pais escribía que “parece un chiste, mais o xuízo aos 4 independentistas na AN é real”. @feminismogaliza recollía o chío de @denantesmorta sobre a frase dun perito policial na que sinalaba que “non hai probas científicas, só a miña experiencia profesional”, comentando que lle “fervía o sangue de noxo”. Pola súa parte, @ritxodegranha  lembraba que “despois de TODO ES ETA chega 'Cualquiera puede pertenecer a Resistencia Galega si busca la independencia de Galicia”, en alusión a outra das frases escoitadas nun xuízo que se desenvolveu entre polémica e críticas polo que se consideran “escasas garantías democráticas”, tal e como reflectiron as redes sociais. No que, segundo @hugo_guezeta “a fiscalía converteu nun circo lamentábel e nunha farsa xudicial a falla de probas inculpatorias”.