AUDIENCIA NACIONAL

O independentista Eduardo Vigo volverá ser xulgado en setembro

Un novo proceso únese ao que se celebrou en xuño. Neste a Fiscalía solicita oito anos de cárcere por suposta “confección de aparato explosivo con finalidade terrorista”.

Segundo informou Ceivar, o preso independentista Eduardo Vigo Domíguez volverá ser xulgado na Audiencia Nacional o próximo 25 de setembro. Nesta ocasión, a Fiscalía pide oito anos de cárcere para o mozo galego por “confección de aparato explosivo con finalidade terrorista”, nun proceso relacionado coa detención de dous independentistas en Dozón en 2007.

Este novo xuízo a Eduardo Vigo chega cando aínda está pendente de resolución o que se realizou o pasado mes de xuño, no que canda el tamén foron xulgadas outras tres persoas. Nesa causa, pídenlle vinte anos de cadea, polo que sumadas ambas a condena podería chegar aos 28 anos.

Desde Ceivar denuncian que esa petición de penas “é dunha desproporción absoluta para un rapaz rebelde ao que non se lle acusa de ningunha sabotaxe concreta e que para a data do xuízo levará 23 meses dispersado por diferentes prisións do Estado”.