A Fiscalía pide 16 anos de cárcere para o independentista Carlos Calvo

Será xulgado na Audiencia Nacional esta cuarta e quinta feira acusado de colocar un artefacto en 2011 nun caixeiro de Vigo.

 

Carlos Calvo Varela, preso na cadea de Estremera, volverá afrontar un xuízo na Audiencia Nacional. Será a partir desta cuarta feira, acusado pola Fiscalía de colocar un artefacto nun caixeiro de Vigo en outubro de 2011, segundo relatan axencias de noticias españolas. O fiscal Carlos Bautista pide un total de 16 anos de cárcere, 8 por tenza de explosivos e outros 8 por pertenza a organización terrorista. Cómpre lembrar que o Tribunal Supremo estimara parcialmente o recurso de casación interposto pola defensa de Carlos Calvo e absolveu en febreiro o xornalista do delito de pertenza a Resistencia Galega, do que fora condenado nun primeiro momento en maio de 2014 pola Audiencia Nacional, e rebaixara a pena de 12 anos de cárcere imposta daquela a 7. 

No escrito de acusación o fiscal asegura que naquela altura, 2011, Carlos Calvo facía parte dunha “célula armada” de Resistencia Galega. O independentista, que leva máis de 2 anos en réxime de isolamento e sometido a dispersión - pasou xa por 6 prisións, todas a centos de quilómetros de Galiza- negou sempre relación algunha con RG. “Sou independentista, mas nunca militei em nengum partido nem, evidentemente, em nengumha “organizaçom terrorista”, reiterou hai unhas semanas a través dun escrito remitido ao blogue ‘De Volta para Loureda’.