A prostitución nos medios

“Independente, vinte anos, super compracente”

Abrir os xornais en papel e atopar anuncios de sexo de pago segue a ser algo habitual. Malia que estas prácticas fomentan a violencia de xénero e a mercantilización da muller, os gobernos optan pola autorregulación dos medios e permiten que se contraten anuncios por palabras sen comprobar se estamos ante un caso de trata de mulleres. Eis un extracto da reportaxe publicada ao respecto no número 337 de Sermos Galiza.

“Os mesmos medios de comunicación que están a ofrecer como protagonistas das noticias importantes dos poderes económicos e políticos homes con traxe e gravata, ofrecen os anuncios por palabras con mulleres representadas como fragmentos de corpos mercantilizados ao servizo dos homes”. Así responde Mónica Vidal, vogal do Colexio Profesional de Xornalistas de Galiza, en relación aos anuncios de prostitución que seguen a recoller xornais en papel.

 

Abrimos un deles e nas páxinas de anuncios por palabras atopamos a mercantilización de fragmentos do corpo da muller á que se refiren: “150 peitos”, “120 peitos”, “Peitos grandes”. Alén da oferta de fragmentos dos corpos das mulleres, tamén observamos a alusión á nacionalidade como unha plusvalía (“húngara”, “exipcia”, “xaponesas”...) ou ben á idade ou situación sentimental das mulleres (“viúva”, “corentona galega”, “maduriña”, “25 anos”...).

 

Vidal explica que, aínda que o Colexio de Xornalistas non ten unha postura definida fronte á prostitución, se posicionoucos xornais que deixaban de publicar este tipo de anuncios. “En primeiro lugar”, manifesta a vogal, “hai estudos que din que este tipo de mensaxes dificultan a empatía e polo tanto favorecen a violencia de xénero. Pero ademais estes anuncios contrátanse vía telefónica, é imposíbel saber se estamos ante unha prostitución libre -para as persoas non abolicionistas- ou ante un caso de trata de mulleres. Non hai ningún tipo de garantía de que non sexa unha fonte de financiamento en contra dos dereitos humanos”, advirte.

 

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 337 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]