Activo un novo incendio forestal en Cartelle próximo ás casas

Imaxe de arquivo da veciñanza en labores de extinción dos incendios. (Foto: Nós Diario)
A veciñanza colabora na extinción do fogo perto da zona habitada onde xa traballan, tamén, os equipos de extinción.

Un novo incendio forestal afecta o lugar de Madarnás, no concello de Cartelle, na comarca de Terra de Celanova, desde as 18.30 desta tarde.

O lume está próximo ás casas, polo que numerosos veciños colaboran nos labores de extinción desde as primeiras lapas. Polo momento non hai información oficial sobre o alcance do lume.

Viana do Bolo

O incendio que se inciou sobre as 23 horas deste sábado en Viana do Bolo xa foi estabilizado, segundo informou a Consellaría de Medio Rural nas súas redes sociais.

Tras comezar na parroquia de Grixoa, até o momento afectou unhas 102 hectáreas segundo as últimas estimacións. O último parte notificado polo departamento autonómico sinalaba que na zona traballaban un técnico, cinco axentes, 13 brigadas, 11 motobombas e dúas pas.

Porto do Son

Por outra parte, o foco declarado na noite da pasada sexta feira na parroquia de Ribasieira, en Porto do Son, xa se deu por controlado. Nesta localidade do Barbanza as chamas consumiron 82 hectáreas, segundo as últimas estimacións. 

Até o momento participaron nas tarefas de extinción un técnico, 19 axentes, 35 brigadas, 24 motobombas, catro pas, cinco avións e cinco helicópteros.