Incremento da presión hospitalaria: os pacientes ingresados volven superar o milleiro

(Foto: Europa Press)

As cifras de contaxios e casos activos continúan a baixar mais repunta a taxa de positividade.

A presión hospitalaria aumentou na Galiza, que rexistra 19 pacientes con Covid-19 máis ingresados que a xornada anterior, polo que volven ascender de novo por encima do milleiro -cifra da que baixaron este domingo-. No entanto, os contaxios diarios descenderon a 372 e os casos activos baixaron a 13.052.

Así se reflicte nos datos actualizados na mañá desta segunda feira pola Consellería de Sanidade con rexistros até as 18:00 horas deste domingo, nos que se inclúen 224 pacientes con Covid en UCI, dous máis, e 792 noutras unidades, 17 máis, o que sitúa o total de ingresados en 1.016 na Galiza fronte aos 997 da xornada anterior.

Por áreas sanitarias, aumentaron os hospitalizados en cinco das sete, mentres descenderon lixeiramente nas de Ourense, con 15 en UCI -dous máis- e 103 noutras unidades -cinco menos- e na de Lugo, con 26 en críticos -sen cambios- e 61 noutras unidades -un menos-.

Por contra, na da Coruña e Cee se as persoas con Covid-19 en críticos baixan a 75 -unha menos-, as que están noutras unidades de hospitalización aumentan a 208 -oito máis-; na de Ferrol baixan a 25 os ingresados en UCI -un menos-, pero soben a 115 os doutras unidades -sete máis-.

Mentres, na de Santiago e Barbanza os ingresados en críticos pasan a 36 -un máis- e os doutras unidades de hospitalización increméntanse a 105 -tres máis-, así como na de Pontevedra e O Salnés, onde os críticos aumentan a 22 -un máis- e os doutras unidades, a 83 -tres máis-. En canto á de Vigo, mantéñense en 25 as persoas con coronavirus en críticos e soben a 117 os doutras unidades -dúas máis-.

Galiza ten 13.052 casos activos de Covid-19, o que supón 693 menos que a xornada anterior, polo que se mantén a tendencia descendente rexistrada toda a semana pasada.

Tamén se reducen os contaxios diarios detectados por diferentes probas a 372, fronte aos 419 da xornada anterior.

En canto á taxa de positividade -porcentaxe de infeccións por test PCR realizados- subiu a un 6% despois de situarse por baixo do 5% este domingo, polo que se coloca de novo por encima desa porcentaxe que marca a Organización Mundial da Saúde (OMS) para dar por controlada a pandemia, do que Galicia logrou baixar por primeira vez a semana pasada desde o 24 de decembro.

Galiza rexistrou até a data 2.096 persoas falecidas en relación coa Covid-19, após notificar Sanidade na noite deste domingo dez vítimas.