Aumentan as denuncias por violencia machista no Estado

Na Galiza o Sergas rexistrou en 2013 perto dun milleiro de informes por lesións, a maior parte en mulleres de 20 a 24 anos. No conxunto do Estado producíronse no primeiro trimestre de 2014, 338 denuncias ao día.

 

Nos últimos días déronse a coñecer dous dados a respeito da violencia exercida contra as mulleres. Dunha banda, o Observatorio contra a violencia doméstica e de xénero, con sede no Consello Xeral do Poder Xudicial, relatou nun completo informe o número de denuncias presentadas no primeiro trimestre de 2014. 

Neste senso, o Observatoria sinala un incremento do 3,1% a respeito do primeiro trimestre de 2013 e cífraas en 338 denuncias ao día, un total de 30.411 en tres meses. Na Galiza foron presentadas 1.205, a maior parte delas polas propias mulleres en situación de violencia. Os dados foron recollidos dos Xulgados exclusivos de violencia contra as mulleres e tamén daqueles con competencias partilladas. 

Na Galiza, o Sergas rexistrou 950 partes de lesións recoñecidos como violencia machista, a maior parte en mulleres de 20 a 24 anos

A publicación do informe do Observatorio coincidiu coa presentación do informe elaborado polo Sergas esta mesma semana en relación cos partes de lesións rexistados en 2013. A xerenta do Sergas, Nieves Domínguez, debullounos polo miúdo na Comisión parlamentar de Igualdade e dereitos das mulleres. Na súa comparecencia Domínguez salientou a recompilación de 12.237 partes de lesións dos cales 950 foron identificados como violencia machista. 

Segundo o servizo galego de saúde, a maior parte dos informes atinxen mulleres entre os 20 e os 24 anos --132 partes-- sendo recoñecidos como "violencia física" o 70% dos casos. No entanto, Nieves Domínguez salientou que sen perxuízo de existir violencia psicolóxica na física, o 24% dos partes corresponderíanse con lesións psicolóxicas e o 2% con agresións sexuais. 

Porén, subliñou a xerenta do Sergas, non todos os casos rexistrados polos servizos médicos foron denunciados. Neste senso cumpre lembrar o informe elaborado pola Unión Europea a comezos deste ano e cuxos dados evidenciaron a existencia dunha importante bolsa de violencia invisibilizada. E é que do conxunto do Estados membros da UE, no mínimo 62 millóns de mulleres aseguran térense atopado algunha vez en situación de violencia física ou sexual despois dos 15 anos. Ao tempo, o 22% di ter sufrido algunha vez unha agresión física/sexual por parte do seu compañeiro.